Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Estamos feitos de consumo e produción

09:30 28/06/2009

Produción e consumo, os dous piares fundamentais sobre os que descansa toda actividade económica, son actos mutuamente interdependentes, tanto que calquera deles precisa do outro para existir. A produción leva nas súas entrañas o xermolo do consumo —prodúcense bens e servizos para seren consumidos— e consúmense só aqueles bens e servizos xa producidos —a produción precede ó consumo—.

Produción e consumo enchen as nosas vidas. E grazas ó progreso tecnolóxico e á acumulación de capital, só producimos durante media vida, cuarta arriba cuarta abaixo. Agás desgracias, que sempre hai algunha do que é mal. Consumidores, porén, sómolo todos dende o berce ata o burato final. E tanto á hora de producir coma á hora de consumir, un principio informa o noso actuar: obter a máxima satisfacción posible. Agás excepcións, que sempre as hai para calquera regra.

O día da última tratorada, a produtora chairega Carmela da Chousa subiu ós mandos do SAME familiar de 224 cabalos e enfiou cara Lugo a protestar polo baixo prezo do leite das súas vacas. Logo de arrodear a muralla empoleirada na cabina da súa máquina, a consumidora Carmela paseou as rúas do centro na procura dunha saia nova para estrear na comuñón do seu sobriño. Aínda que lle fervían os ollos por unha peza estampada da marca lalinesa Toypes, rematou por mercar outra menos lucida e de marca descoñecida, pero de prezo mais baixo.

Ese mesmo día, a produtora Susa de Valdecales soubo que a empresa na que prestaba os seus servizos, a téxtil Toypes, presentaba un ERE rotatorio por mor da caída no volume de vendas, e que lle ía supor a ela un certo quebranto salarial. De volta á casa logo da xornada laboral, a consumidora Susa entrou no Centro Comercial para facer as compras alimentarias do día seguinte, e no canto do cartón de leite de Pascual —que viña mercando ata o de agora—, e vendo como viñan as cousas decidiuse por un “marca branca” quince céntimos máis barato.

4,64/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións