Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Antroido electoral

10:00 08/02/2009

O feito de facer cadrar as datas da vindeira campaña electoral co Antroido foi unha manobra, cando menos, arriscada do presidente Touriño. Seguramente atendendo a cálculos de aquí e acolá que lle favorecían, non sei ata que punto tivo en conta que a súa decisión implicaba a mestura diante dos húmidos e cansos ollos dos galegos a pretendida seriedade dun proceso electoral coa recoñecida subversión da orde establecida do Antroido.

Teñen cousas en común o Antroido e mailas campañas electorais. Como que nas dúas actividades case nunca nada é o que parece, e por iso a proliferación de máscaras, disfraces e pantallas. Ou que nelas todo está permitido, e de aí o insulto, a burla e maila pulla traballada. Ou tamén o estrondo de músicas, cantigas, desfiles, foguetes, carrozas e caravanas. Incluso se parecen en que pasada a festa, acabouse a romaría, e onde dixen digo, xa digo diego.

O perigo está en que esta caldeirada visual de caretas e bandeiras abanque os valados sensoriais e se instale nos calmos chaos da razón. Se eso ocorre, a clase política ,e o que é peor, a mesma política perdería de vez o pouco creto que aínda conserva, porque a xente caería na conta de que a política non vai moito máis aló dunha entroidada de banda sonora, chaqueta e garabata. E se a cousa é así, pois quedámonos co Antroido de toda a vida.

Agora ben, hai que dicir que pódense dar situacións ben curiosas e divertidas. Como que nalgún recuncho do país e nalgunha hora mala pode calquera toparse de fronte con vinte feijós (ou touriños ou quintanas), dezanove con careta e un sen ela; e se é de noite, e vai un co carro traseiro pola bebida, pode mesmo non chegar a distinguir o verdadeiro e dos impostores.

4,28/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións