Don Mariano Rajoy e mais eu somos xente de ben e como tais interiorizamos axiña as consignas do que se leva en cada tempo. E agora toca a sinfonía ecoloxista e, claro está, aí nos tes a nolos dous. E diría mais, sospeito que a don Mariano sáelle o ecoloxismo de xeito natural, xa que ten pinta de non dar matado unha mosca nin con spray, xa non digamos dunha puñada. O que ocorre é que ámbolos dous temos familia e sempre vai haber algún membro que nos deixe quedar mal. No caso de don Mariano trátase dun primo que non cre no quecemento global de Al Gore, e no meu, dun cuñado cambote que bota pestes contra o repoboamento do porco bravo.
Meu cuñado é un labrego do Arnego Medio. Ten a cabeza grande e o pescozo xunta cos ombreiros sen solución de continuidade, pero polo demais é coma calquera de nós. Dende hai uns anos ten un problema co que xa non contaba: o porco bravo estrágalle as colleitas de millo e fózalle os mellores prados. A meu cuñado férvelle o sangue cando pensa que o animal foi botado no monte polos poderes públicos porque estaba en perigo de extinción, e que moito coidadiño co que se fai con el. E para rematala, todos os anos venlle denegada a solicitude de compensación por danos ocasionados polo bicho e sempre co mesmo argumento: non consta que nesa zona se teñan botado porcos bravos. A explicación aínda o acende mais: ¿Pero de que van estas monas? ¿E que pensan que un porco bravo é un carballo que plantas nun sitio e segue alí no mesmo sitio pola vida eterna?
Sempre que nos vemos, meu cuñado sácame o tema do porco e faime preguntas. Que a que ven a repoboación do porco, que a quen ou a que beneficia que siga existindo a mala besta, que si esto, que si o de mais alá. Eu dígolle que a natureza toda, dende un croio ata o mesmo porco ten un valor intrínseco que non debe ser profanado baixo ningunha escusa, que o home é de natural malo e, polo tanto, os poderes públicos deben protexer á natureza fronte as posibles actuacións daquel. Meu cuñado, seguramente educado no principio bíblico de “dominarás a terra”, agranda os ollos para mirarme coma se un dos dous estivera tolo. Despois, xa sen mirarme, dálle unha patada ó ar e roña: “¡Ecoloxistas do carallo! Quería velos eu correndo diante dos chavellos do porco bravo...ían saber o valor intrínseco ese do carallo.”
O que meu cuñado non sabe -e eu non llo penso dicir- é que para un ecoloxista de primeira liña posiblemente teña mais valor o porco bravo ca el, e que se algún día os atopan pelexando nalgunha congostra estreita, que se encomende meu cuñado a San Francisco de Asís, porque el é presuntamente culpable e vai ter que demostrar que foi o bicho quen comezou a refrega.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.