Ando estes días de campaña metido nunha pescuda de moito intríngulis: ¿As ideas teñen volume? Ou o que é o mesmo, ¿ocupan espacio? Os autores clásicos da miña aldea dicían que o saber non ocupaba lugar, polo que as ideas carecerían de volume. O que xa non sei é se a ciencia avanzou algo neste eido, coma lle sucedera ós elementos parmenidianos coa descuberta atómica e subatómica. ¿E por que me preocupa a dimensión espacial das ideas? Cóntovos.
O señor Xosé Crespo, alcalde de Lalín e xa que logo, o meu alcalde, confesou xa en varias ocasións que el érguese cada día con 500 ideas novas. É de supor que esta cifra redonda é unha aproximación, que haberá amenceres de 456 e outros de 525, digo eu. Pero se aceptamos a cifra de 500 coma un promedio, resulta que ten 3500 na semana, 15000 por mes e 182500 ideas novas nun ano. E como xa leva 18 anos de alcalde, estariamos falando 3285000 ideas. Isto si que é un bo trebón de ideas, e non o brainstorming dos traxados executivos americanos. ¿É ou non para preocuparse? Para os que lle facemos a contra aquí no Deza a situación é desesperante, xa que todo o que se nos poida ocorrer xa el o ten pensado hai moito tempo.
Agora xa comprenderedes o por que do meu dilema. Porque non da o mesmo que a idea teña ou non dimensión espacial. Se carece dela, o tamaño da cabeza non inflúe; mais se ese non é o caso, fai falla moita cabeza para almacenar 500 novas ideas diarias. Home, Crespo gasta cabeza grande, que lle vén xa de familia, pois o seu avó político don Manuel fachendeaba de que lle cabía nela todo o Estado Español. Pero aínda así…
O señor Xosé Crespo e mais eu somos dunha quinta, recibimos a mesma educación do rural dezao e, incluso, estudiamos o mesmo bacharelato impartido polos cregos do Seminario Diocesano de Lugo. Pois ben, partindo deses vimbios comúns, el leva 18 anos de alcalde, foi ata hai ben pouco presidente da Fegamp, director de campaña do partido nas últimas autonómicas e vai ser recibido polo Papa de Roma co gallo dunha degustación do cocido lalinés. Pola contra, eu convertinme nun pillagaliñas sen oficio nin beneficio, arrimado a un partido de apoio minoritario e sabedor de que nunca xamais darei chegado ás súas alturas. E non podía ser de outro xeito, xa que o día que me levanto cunha idea nova, aínda que só sexa unha, xa é toda unha festa. ¡Non me digades que a vida non é marabillosa! ¡Canta diversidade ofrece de balde a natureza!
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.