Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Hai días que mellor sería non abrilos

14:20 24/03/2010

É sabido que as cousas que mal empezan acostuman rematar mal, pero a nosa memoria é tan fráxil para os fracasos que case nunca nos dá o aviso. O sábado que pasou, a miña santa e máis eu estabamos invitados a unha cea na casa duns amigos nos arredores de Lalín e como pasabamos a fin de semana na Arousa, dispuxémonos a cruzar vales, ríos e montañas aí contra as oito do serán. Preto xa de Caldas, e cando entrabamos nunha gasolineira para darlle de beber á besta, caemos na conta de que esqueceramos a carteira dos cartos. Así que, volta para a casa; e despois, volta a parar na gasolineira; e cando chegamos a Lalín faltaba nada para as once da noite e xa os comensais andaban a voltas co segundo prato.

Seguindo un criterio igualitario asemade segregacionista, os anfitrións sentaron nunha metade da mesa as mulleres e os homes na outra metade. A min tocoume en fronte un albeite de barba mesta e corpudo. “E logo que vos parece que o Bloque fichase ó fillo de Cuíña, que escribe no Xornal, ese periódico do Bloque, e faino en castelán”, escoiteille dicir ó pouco de eu chegar. Coa culler de arroz caldoso en suspenso entre o prato e a boca aberta, eu pensei “¿Pero de que póla caeu este?” Xa había tempo que non escoitaba tantas inexactitudes en tan poucas palabras, e nun tris estiven de replicarlle que oíra campás pero non sabía onde. Pero non o fixen, seguramente por nugalla.

Aínda non recuperado do susto anterior, e abordando o asunto do galego no ensino, un señor totalmente descoñecido para min e que sentaba á beira do albeite, soltou: “Eu botei moito tempo en Cataluña e impuxéronme o catalán. E a min imposicións nada, eh! E aquí quixeron facer igual, e os idiomas non se poden impoñer. Aquí nunca houbo problema co idioma e o galego nunca estivo prohibido. Cadaquén falou sempre no  que lle petaba, que é o que ten que ser. E se hai que escoller, eu querería saber inglés, e despois castelán, e despois galego...” Un empresario filo-socialista apoiaba o estudio do galego e defendía a tese de que toda a lea montada arredor do idioma era culpa da clase política, que o tal problema non existían a sociedade.  Un ex-comisario da policía bailaba entre o si e mailo non, esparexendo tanto os razoamentos que por veces remataba falando dos viños de Monterrei ou traducindo falares propios da raia. O kafkiano era que discutiamos sobre a desutilidade do galego e faciámolo en galego. Namentres, a metade feminina da mesa parolaba alegre e distendida en castelán sobre extremos que non chegaban ata as miñas orellas.

Nalgún intre da regueifa cheirei rancor e desprezo nas palabras do descoñecido. Como non me gusta perder o tempo falando para xordos nin me paga a Xunta para ensinar ó que  non sabe, o caso é que me fun envelenando en silencio e, antes de estoupar, optei por erguerme da mesa e coa escusa de botar un cigarro, saín fóra ó xardín. A mesma forza ou mais que me botou porta fóra, coutábame tamén de volver entrar. E non o fixen ata que se trazou de marchar. Por suposto,  a muller afeoume o feito: “pareces o teu fillo enrabechado”. Non me doe que che recorde ó teu fillo, díxenlle eu.

Pareceu comprenderme, pero cando chegamos de volta á casa esqueceuse da miña condición de guerreiro ferido e necesitado de alivio, e venceuna o sono. Hai días que era mellor nin abrilos sequera, pensei, no meu insomnio sen consolo.

4,89/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións