Funcionario é toda aquela persoa que funciona. Tampouco é preciso ser moi listo: a mesma palabra xa o di. Uns funcionan mais ca outros, uns funcionan aquí e outros acolá, hainos que funcionan do dereito (xente de orde) e outros do revés (revolucionarios), e incluso tamén hai xente que o fai de través (travesíos, dinlle). Tamén os hai que funcionan ben e outros que funcionan mal e aínda outros que van funcionando e que son a meirande parte. En fin, son matices, feituras diversas dentro da indisoluble unidade da función. Pero en potencia, fillo meu, o ser humano nace pecador e funcionario.
Propensos que somos ás clasificacións, unha das primeiras e mais importantes do concepto funcionario é a división entre público e privado. Así, dicimos funcionario público a todo aquel que lle tira o de funcionar á vista da xente; pola contra, chamamos funcionario privado ó que prefire a intimidade para facelo. E dentro dos primeiros, podemos distinguir tantas subclases coma funcións públicas hai: os da seguridade –que poden ser corpos ou membros, nunca o entendín-, encargados de que funcionemos ordenadamente; os da xustiza, que dirimen conflitos entre funcións; os da saúde, que remendan os desgastes propios do funcionamento; os do ensino –como é o caso da túa nai e maila tía Andrea-, encinestrados en dar a coñecer as variadas formas de funcionar; e os da recadación, que veñen a ser coma os ramistas das festas, xa que teñen que arrapañar cartos para manter tódalas atraccións da festa pública.
Sobre o funcionario público planea a maldición dos males necesarios. En canto males, mirámolos de esguello e aledámonos das súas desgrazas; en canto necesarios, suspiramos por eles e bendicímolos. Quen mais quen menos, alomenos nalgún intre da súa vida, desexou ser un deles; pero logo, arrimados á barra do bar, renegamos deles coma da mesma peste. ¿Eu funcionario público? ¡Ca! Namentres me quede unha migalla de dignidade, nono verán os teus ollos. Así de farrucos nos poñemos. Todo me da, fillo, que vai ser polos xenes cristiáns que levamos dentro e que nos lembran aquilo de “pobre do que escandalizara a un destes pequerrechos, mais lle valera que lle colgaran do pescozo unha pedra de muíño de burro e o guindaran ó fondo do mar”, que conta o escritor San Mateu como certo e verdadeiro.
A nosa familia é mais de funcionar en privado, agochados nunha xesteira ou ó abeiro das pedras patruciais. E xa ven de vello a cousa. Aínda mais che diría, fillo; a tribo á que pertencemos –a do Castelo- padece do mesmo ensimesmamento. De feito, nas cantigas de escarnio e maldicir, xa se fala dos “cerraportas” do Castelo fronte a tribo veciña –a de Cadrón- ós que lle din “mirandelas”. Como non podía ser doutro xeito, Cadrón foi e sigue a ser terra avogosa en funcionariado público. Con todo isto non pretendo dicirche que ti non vas ser funcionario público, non...só che informo de que xeneticamente non tes os vimbios necesarios.
O cativo ergueu do sofá e marchou cara o cuarto onde estaba a nai. “Mamá, pregunteille a papá que era un funcionario público e díxome que me ía falar de home a home, e non entendín nada.” Escoitei o suspiro longo da santa, e de seguido algo así como: ¡Ai, que vellez nos espera! Perde coidado, fillo; tampouco eu o entendo e levo mais ano ca ti aturándoo...¡Tocounos esa cruz!
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.