Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Buzlightyear

10:00 03/05/2009

Hai nada, Lalín era unha aldea de catro casas da Galiza interior, parada de postas das dilixencias Gómez de Castro, Pereira e Castromil, xulgado de primeira instancia e casa da Benemérita. Pouco mais era.

Hoxe, corenta anos despois, segue a ser unha aldea, pero con milleiros de casas mais. E moita desa transformación debémoslla a dúas forzas indómitas: o alcalde presidente don Xosé Crespo e a propia vida, que non da parado quieta.
Lalín non era nada, ou mellor dito, era unha nada no medio da nada interior.

Agora o incrible home das cincocentas ideas diarias fixouno no mapa, converténdoo no quilometro cero daquela mesma nada. Si, xa sei que o tal quilómetro cero de Galiza cae riba do lugar de Nugallás –en Antas de Ulla-, pero ante unha denuncia por apropiación indebida, Crespo sempre pode argumentar que, légoa arriba légoa abaixo, a cousa non é para tanto delicto.

Logo, e xa que as vacas andaban a tolear, fixou os seus desvelos no outro animal totémico galego –o porco- e púxolle unha estatua no centro da vila, no camiño que vai do Consistorio á Igrexa e na súa equidistancia -o animal semella vir de arranxar uns papeis no Concello e ir aquelado camiño da misa de doce-. Amais da estatua bronceada,  reproduciu o animal en milleiros de pins e montoulle un chigre que vai dar a volta ó mundo. Tamén hai aquí apropiación da cousa común, pero Crespo ben pode dicir que, indebida de todo non é, xa que porcos hainos e moitos na bisbarra –de catro patas, entendámonos-.

Se eu fose Sarkozy –francés e retaco- diría que Crespo, ó igual ca Zapatero, se cadra non é moi intelixente pero gaña eleccións; e non unha nin dúas, senón tres, catro....e ¡ata o infinito e mais aló!. Pero non son Sarkozy nin francés nin retaco, así que non escoitaredes de min tal desvarío. ¡Ai, Señor, canta envexa nestes teus míseros servos!

4,32/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións