Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

As ideas e mailas persoas

10:42 26/04/2009

Por estas calendas andan os políticos botando a lingua a pacer  e soltando aquelo de que “o que importa son as ideas, non as persoas”. Sempre que tal leo ou escoito, a miña inmediata reacción condénsase en frases feitas: unhas inocentes, tipo “outra vaca no millo”; outras desconfiadas, coma “que raios quererá este agora”; ou mesmo escatolóxico-festeiras,  tipo “creo que cha están metendo”. E teño comprobado que sempre reacciono así cando penso que non é certo o que escoito, ou que aínda crendo eu na súa certeza, penso que quen mo di non cre no que está dicindo. Ou as dúas cousas á vez, coma ben poder ser neste caso.

Non é certo que as ideas teñan máis importancia cas persoas. De selo, e por analoxía, poderiamos tamén afirmar que a criatura supera en importancia ó creador. E tal extremo cheira a blasfemia das grandes. Recoñezo que hai obras de tanta beleza que escurecen a figura do seu autor, e mesmo algunhas que semella incrible que saíran das mans ou dos miolos de simples mortais. Mais de aí non podemos avantar a esquecer que a persoa estaba antes ca súa obra e foi a súa causa directa e inmediata.

E tamén penso que cando o político di que o importante é a idea e non el, aló nos seus adentros o que está querendo proclamar é totalmente o contrario: a idea estaba aí e colleuna, pero se non nos gusta pode coller outra calquera, por eso non se pode marchar xa que el é o que realmente importa. E ten o seu mérito este xeito de actuar. Porque non todo o mundo vale para contar mentiras sen que se note que o son. E neso os políticos están ó nivel dos mellores expedientes do Actors Studio. De feito, penso que esta habelencia –a de non poñerlle dente ás trolas- é conditio sine qua non para trunfar e perdurar na política.

Chegados ata aquí, e para rematar a fibela, xa só me queda pedirlle ós carlos, pacos e xosémanueles do mundo que saian dunha vez do armario e confesen sen medo que eles son moito mais importantes cás ideas que poidan defender en cada caso. 

4,32/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións