Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Non digas política, di Pepe (Blanco, Montilla, Cuiña, Crespo...)

17:15 23/10/2009

Cada vez que escoitaba a don César Vidal de la Cope –Deus e Paco Rodriguez me perdoen- falar do bachiller Montilla ou de Pepiño Blanco, o retintín que empregaba non soaba agarimoso nin laudatorio. Todo o contrario, víase un menosprezo por ter acadado ámbolos dous moito rango para tan escuchumizadas alforxas académicas. E se un non soubera que don César caeu do cabalo e viu a luz, ben podería pensar que o xornalista estaba a avogar por unha especie de meritocracia letrada.

El sabe, porque non é parvo de todo, que nunha democracia o mérito no se mide mais ca polo número de votos conseguidos. E punto. Na miña aldea, namentres o García de Lamas pasou sempre dos cen votos, o Sucasas do Castelo nunca cheirou os dez. Ese é o mérito político dun e doutro. E no concello de Lalín, a lista do BNG sempre ferveu de títulos universitarios. ¿Resultados? Pouco mellores ca os do Sucasas. Mais nos valera acudir a algún concurso televisivo de preguntas e respostas.

A política, mais ca ciencia, é unha  arte; e o seu “corpus”, un compendio de artimañas varias, algunhas delas xa impresas na filoxénese do candidato e outras aprendidas durante un longo e duro proceso de adestramento. Os políticos, xa que logo, son uns artistas. E coma tales artistas son tratados polos medios de comunicación e a cidadanía en xeral. A reacción do vulgo diante dun Pepe Blanco paseando unha rúa de calquera  cidade é cuspidiña á que suscitaría un José Tomás, un CR9 ou El Fary.

Aqueles que sintan o ouveo da política deberían comezar canto antes, fixarse unha meta ambiciosa e coherente –non pretender presidir España fichando polo Bloque-,  non perder o obxectivo nunca de vista —por moitas reviravoltas que faga o camiño— e non malgastar enerxías e tempo en cousas accesorias —por exemplo, unha titulación universitaria—. ¿Pero que credibilidade podo ter eu? Ningunha, xa volo digo. Todo esto aprendino un día lendo o currículo que Pepe Blanco amosa no seu blog. E para min xa é tarde.

***NOTA: Que conste que andei na procura dun Pepe famoso entre os nosos e non dei con ningún. ¡Ata onde chega a nosa rareza, Santo Ceo!

4,83/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións