Hai palabras que nada mais escoitalas fan que che percorra o espiñazo unha friaxe desacougante. Especulación é unha delas, e onde a palabra acada o seu cumio de maldición é no terreo económico.
Un especulador é un ser aborrecible, sen escrúpulos, a encarnación do mal. Incluso o capitalismo, que tampouco é que goce de moi boa prensa, pode converterse nunha atrocidade se lle engadimos o cualificativo: capitalismo especulativo. ¡Arrenégote demo!
O acto de especular é algo que caracteriza ó ser humano como tal. Non teño noticias de que os animais especulen. Cando o pequeno Simba asela unha presa nas vizosas fragas da Balouta poderiamos pensar que se cadra especula sobre o resultado da espera; pero é só un supor, xa que nin eu son un discípulo de Lorenz nin tampouco fun nunca un león.
Especular é un xeito de administrar o tempo futuro, e está nos alicerces de toda acción humana con transcendencia económica. Cando merco dúas botellas dun Rías Baixas de oferta, estou especulando sobre o prezo futuro desa mercadoría en concreto (amais de non ter cartos para comprar outro). Cando eu poño á venda o coche ou o piso (amais de ter que facelo “a collóns”) especulo sobre o seu prezo futuro, porque penso que hoxe é o mellor día, e non onte nin mañá. Especulo cando encho o carriño de botellas de aceite porque escoitei por aí (se cadra información privilexiada) que se ían disparar os prezos. E por suposto, especulo cando merco un segundo ou terceiro piso, porque penso que é un xeito de garantir o futuro dos fillos. Son un especulador, queda claro. Porén, aínda non escoitei pola rúa “Aí vai o especulador de Sucasas”.
Logo, ¿cando a xente comezaría a chamarme especulador? ¿Será unha cuestión de cantidades? Se no canto de marchar con dúas botellas de Rías Baixas, collo e cargo o Barreiros 540 de meu pai coas existencias de Rías Baixas do súper, ¿sería daquela un especulador? Home, non o sei, pero o mais probable é que non pasara de tolo ou algo así. Outro tanto ocorrería se fago o mesmo coas existencias do aceite en oferta. Pero, ¿e se no canto de dous ou tres merco 100 pisos? Neste caso penso que a opinión da xente dependería aínda de dous matices mais: onde os merco e con que cartos. Se os 100 pisos están espallados por toda Galiza e págoos cos meus cartos, probablemente pasaría desapercibida a miña especulación, xa que non fago outra cousa que modificar a miña carteira de activos –antes tiña cartos, agora teño pisos-. Pola contra, comezaríase a especular sobre a miña especulación se merco os 100 pisos en Lalín –co que acadaría unha posición de forza sobre os prezos do mercado inmobiliario-, ou se é un banco tolo quen me presta os fondos para afrontar a operación –a xente recúa diante dos castelos no aire-.
Chegados ata aquí, eu pregunto: ¿é malo especular, ou tan malo como din? ¿É a especulación culpable da crise mundial que padecemos? Xa sei que me van caer pescozadas, mais eu penso que non é a culpable, senón un sistema económico baseado nunha expansión constante e disparatada do crédito, que levou á xente a facer cálculos erróneos sobre o futuro das cousas.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.