Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Os enredantes

16:49 06/11/2009

Os homes que inventaron a Deus non tiñan por que ser malas persoas nin aluados. Mais ben estaban a desgusto coa vida que lles caera en sorte e arelaban un cambio para mellor. Pero axiña outros se fixeron cargo do invento e coa desculpa de darnos un servicio mais eficiente, fundaron unha corte de ministros do Señor que se ía encargar de traducir –Deus fala divino, unha lingua parabólica fóra dos currículos educativos- e interpretar o que El quere de nós.

Tamén é probable que os inventores do Pobo Soberano, deus entre os deuses do olimpo, foran xentes de boa fe e sen ánimo de facer mal. Parcos en palabras e coas luces xustas, proclamaron a súa fe: Todo para o pobo, por o pobo e co pobo. Pero, por mor da súa natureza divina, tamén facían falla traductores e interpretadores. Así que axiña apareceron catro lebres e, coa escusa de acercar a administración ó administrado, teceron unha arañeira de pedáneos, concelleiros, alcaldes,  deputados, conselleiros, delegados, ministros, superdelegados, presidentes, directores xerais....

Así como noutrora era difícil revirarse cara atrás e non topar unha sotana á espreita, se fas o mesmo hoxe en día o raro é non ver un político coa súa estampiña na man tendida e un sorriso parvo nos beizos. A corte dos intermediarios entre o Pobo Soberano e mailos mortais administrados alcanzou xa tal envergadura que se viron forzados a crear a figura do valedor do pobo ¡Manda truco na Habana! Porque se tan necesario é un valedor, ¿a quen vale toda a recua política?

Nin os fieis cristiáns nin os administrados saben certo o que pensan e din os seus deuses respectivos. Éche todo unha cuestión de fe. E por se esto fora atranco menor, entre a clase política e mais nós xorde un intermediario mais: os medios de comunicación. E xa neste lameiro, un non é quen de asegurar que tal cousa a dixo realmente o Pobo Soberano, ou foi a clase política quen lla atribuíu, ou o propio medio de comunicación tomouse a liberdade de inventala.

4,83/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións