Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Deus, Eurovisión e nacionalismo

19:59 05/06/2008

Como bo galego, Deus é paraboleiro, proclive ó caneo, ó despiste, a facer que fai unha cousa e logo facer outra. No sei se porque El é así de nacemento ou por puro aburrimento de levar existindo toda a eternidade. Pero xa outros senlleiros galegos coxearon da mesma pata. Coma don Miguel de Cervantes, que escribiu o Quixote en romance castelán para disimular perante os paisanos dos Ancares as súas veleidades poéticas. Ou coma Cristóbal Colón, que dixo que ía facer un recado ás Indias orientais e apareceu descubrindo ós indios americanos. Ou, ó fin, coma Rajoy, que leva case trinta anos disimulando que non é quen de gobernar nin a súa comunidade de veciños. Somos así.

De Deus é sabido que escribe dereito con reviraganchos e, por eso mesmo, nunca sabes a que carta está a xogar. Cousas que semellan serias nacen dun chiste e outras de pura carallada comezan cun decreto lei. Por eso, que Deus utilizara o festival de Eurovisión 2008 para dar un paso á fronte e apoiar a independencia da súa Terra Nai, colleume nas verzas, que queredes que vos diga. Xa sei, xa sei que hai moitos que pensan que estou sempre nelas. Nas verzas, digo.

Rusia gañou o festival. ¿Por qué tiña a mellor cantiga? Non, eso é o de menos. Gañou polo apoio masivo das ex-repúblicas soviéticas, que por algunha razón sentimental déronlle á súa irmá maior os saborosos tuelf poins (que veñen a ser coma doce puntos). Pois ben, se España quere volver a revivir os gloriosos días do Lalalá e Vivo Cantando, só lle queda un camiño: concederlle a independencia a Galiza, Catalunya e Euskadi, a cambio por suposto dos tuelf poins de cada unha delas no festival de Eurovisión, extremo este que podía quedar recollido por escrito nas cartas magnas das novas nacións. Así, e sumados ós xa acostumados de Portugal e Andorra, sumarían 60 poins amarrados, o que sería unha boa base para optar ó trunfo final. E se os andaluces tamén quixeran a independencia –que non o sei e teño as miñas dúbidas-, pois serían outros 12 poins que sumar.

Falou Deus, e fíxoo daquel xeito que lle é propio como galego. Agora o asunto está en que os mandatarios das Españas Una e Trina collan a mensaxe, que se cadra é moito pedir. Porque o espírito mesetario é directo e literal, e polo mesmo, pouco dado a ler entre liñas. Agora ben, se queren volver gañar o festival de Eurovisión xa saben por onde hai que pasar.

4,72/5 (67 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións