Durante a longa noite na fraga, supoño que foron moitas as ocasións nas que botei pestes contra os sinais de nepotismo, amiguismo ou política clientelar, que se vían aquí e acolá no vasto e tupido imperio. E tamén supoño que noutras tantas ocasións tiña claro un futuro alternativo de contratacións públicas baseadas na capacidade e na igualdade de oportunidades. Pero agora que chegou a hora de levar á práctica aqueles firmes propósitos teóricos, vai e asáltanme as dúbidas.
Porque se eu pretendo ser fiel ós principios antes mencionados moito me temo que vou seguir contratando ós mesmos. ¿Por que? Porque despois de dezaseis anos de práctica clientelar hai empresas e profesionais que acadaron unha posición de privilexio fronte ó resto dos posibles competidores: aquelas medraron e fixéronse fortes, estes adquiriron fama e prestixio, e ámbolos dous accederon ó coñecemento das reviradas congostras dos edificios públicos. Así as cousas, se eu aplico de xeito estricto aqueles principios soñados, e só aqueles, voume atopar con que as empresas e profesionais favorecidos na época fraguiana van presentar as mellores ofertas (porque elas poden e eles saben). E como eu debo mirar polo peto dos administrados, pois tería que concederlle as contratas de obras e servicios. A non ser que introduza un novo principio que pondere o resultado dos outros dous.
Axiña atopei un, que ademais está moi de moda, é dicir, que é politicamente correcto. Coñécese como a discriminación positiva, e dende a entrada no goberno estatal do señor Zapatero xa se ven aplicando en varios frontes. Tal e como eu o vexo e interpreto, trata de garantir que a igualdade de oportunidades sexa efectiva e real. Porque de nada serve que todos poidan participar na carreira se uns levan zocos de bídalo e outros calzan addidas supersónicas.
Así que, unha de dúas: ou adiantamos ós que van detrás (mantendo parados ós de diante), ou atrasamos ós que van diante. Nos dous casos estariamos ante discriminacións, aínda que de diferente tipo: positivo no primeiro e negativo no segundo. E postos a escoller, paréceme que a opción menos escandalosa e mais doada de poñer en práctica é a discriminación positiva. Ademais, xa o filósofo holandés Van Gal dicía aquelo de “Sempre positivo, nunca negativo”.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.