Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O cumio do G-2500: A refundación do nacionalismo

10:00 22/03/2009

Será aló por Maio cando se xunten 2500 galegos, escollidos de entre os mais xustos, para refundar o nacionalismo. Se cadra eu estou entre eles, mais tendo en conta o que me pasou na proclamación de Quintana, prefiro non facerme ilusións. ¡Teño que contar con tantos visados! O da muller, o dos camaradas, o das gripes primaverais,..

Pero vaia ou non, eu vou estar preparado. Porque fundar é marabilloso e gratificante: fundamos familias, equipos de fútbol, empresas, relixións, bares de copas... Ata fundamos fundacións. O ser humano leva no sangue as ansias de fundar cousas. Xa o dicían os clásicos naquela máxima tabernaria: “Fundador é cousa de homes”.

A primeira cousa que debo clarexar é de quen son eu. Seguramente ese sexa o contrasinal para entrar con forza no conclave: “¿e ti de quen ves sendo?” Porque seica habelos hainos de Beiras (o xa famoso Pio anda cun retrato seu na carteira), de Paco, de Alberte, de Rico, de Camilo, e sabe o demo de cantos padriños mais (agora de Quin parece que xa non hai). Se non es de ninguén ó mellor mándante para o galiñeiro ou directamente para a Inclusa.

A culpa da miña ignorancia neste asunto das familias capuletas ven do exame de ingreso. Amais de que levaba unha pequena recomendación familiar, as preguntas eran tipo test, con varias opcións de resposta (xa sabedes, unha absurda, unha imposible, unha mentira e unha verdade), e seguramente as acertei de pura chiripa. Danse casos así. O caso é que agora pago esa falta de preparación, e teño un mes para buscar as sete diferencias entre os uns e mailos outros. E dou por sentado que debe habelas, e de importancia abonda para distinguirse e distinguir e non deixarse derreter na masa común.
O que me asusta é que chegue Maio e que non dera atopado ningunha diferencia...E se iso ocorre, ¿que fago?, ¿a quen escollo? ¿Hai alguén que apadriñe ós orfos?

4,41/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións