Privados do don da ubicuidade, todo aquilo que aconteza alén dos nosos narices chéganos, se é que chega, contado por alguén. Sucede agora e sucedeu sempre.
Cambiaron os transmisores: noutro tempo, eran arrieiros, afiadores, feirantes, vendedores ambulantes e outros, que trasfegaban as novas dun lugar a outro, dun xeito individualizado e disperso; hoxe, son as empresas de comunicación quen centralizan e controlan a crónica do sucedido.
É característico das democracias que, de xeito periódico, os cidadáns lle teñamos que poñer nota á clase política. A valoración que fagamos vai basearse, por un lado, nas nosas querencias e fobias, e por outro, na realidade contada que nos chegou a cadaquén. E se aceptamos que o colectivo de voto non comprometido –sen querencias apaixonadas nin fobias paralizantes– decide os cambios nas democracias, non semella errado concluír que a información recibida acada unha enorme transcendencia.
Dous exemplos aínda frescos na memoria: o concurso eólico e mailo o desbalde sen traza de Touriño. Eu nunca vin “de corpo presente” o famoso audi fantástico, nin o mobiliario de deseño de Presidencia, nin cheguei a ver diante os centos de proxectos do concurso do vento. Pero dende outubro, día si e día tamén, houbo medios que xuraban que o coche e mailos mobles estaban alí, e que houbera trampa gorda na adxudicación dos muíños. Unha vez que votamos, traballo feito e a outra cousa.
As empresas de comunicación son iso, empresas; e como tal, dotadas de principios, estratexia e, por suposto, con ansia de lucro. Unhas declárano abertamente na súa liña editorial; outras escóndeno baixo unha pretendida inocencia e imparcialidade. Coma nun mercado calquera, o cidadán escolle os ollos prestados que mais lle acaen. Cando pode, porque no caso galego, a metade do electorado –sociatas e nacionatas- non ten lentes da súa graduación. E semella moita xente forzando a vista.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.