Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Xogo, especulación, empresa

09:00 19/04/2009

Coa riqueza propia cada un pode, ben deixala como está –non facer nada-, ou ben arriscala dalgún xeito na procura do seu aumento. Se nos decidimos por esto último, podemos, ben xogala ás cartas, ben especular en activos varios, ou ben investila nalgunha actividade empresarial.

A partida de cartas é un xogo de suma cero, no que as ganancias dun correspóndense, exacta e necesariamente, coas perdas dalgún outro. Pola contra, na especulación pode acontecer que todos os especuladores gañen (uns mais ca outros), que todos perdan ou que uns gañen e outros perdan. Porén, especulación e xogo parécense en que non producen nova riqueza, só cambian de sitio a xa existente. O investimento empresarial diferénciase do xogo en que non é un xogo de suma cero (do contrario sería inviable o crecemento económico), e da especulación, en que usa riqueza existente para producir nova riqueza.

Na propia esencia da especulación radica o seu atractivo engaiolante: un xeito rápido de facer cartos. A diferencia da actividade empresarial, a especulación non precisa de tempo de producción e, xa que logo, móvese case sempre no curto prazo. E cando a economía productiva non é quen de darlle uso a toda a riqueza que se produce, a economía especulativa aproveita para medrar ás súas anchas, xa que os potenciais inversores non ven razón para seguir producindo mais do que o sistema pode consumir.

A incerteza das nosas vidas fai inevitable a especulación e resulta imposible impedir todas as súas formas, pero debería ser controlada dalgún xeito xa que, cando se converte en andazo, está detrás de moitas desfeitas económicas. E poida que o control máis efectivo sexa o de gravar impositivamente de xeito relevante a súa taxa de beneficio, nalgunha proporción inversa ó tempo que o activo permaneza nas mans do especulador. Deste xeito estariamos quitándolle moito do seu feitizo.

4,21/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións