Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Un Soñar no Mar da Tranquilidade

13:40 09/03/2010

Xa sei que moitos de vós tédesme por un chisco troleiro, e algúns por cousas aínda peores, pero o que vou contar évos certo, tan certo coma que Tareixa Táboas vai ser a primeira candidata muller a Presidente da Xunta de Galiza. Trata o asunto dun dos últimos secretos desclasificados do Pentágono estadounidense, o que fai referencia ás declaracións do tenente Collins, un dos astronautas do Apolo XI, sobre o que viu aquel 16 de Xullo de 1969 paseando polo Mar da Tranquilidade, que así lle chamaron os americanos ó agro onde pousou a nave espacial.

“Nun outeiro vin que asomaba a cabeza dun extraterrestre, cunha especie de gorra encasquetada ata as orellas. A gorra tiña no centro algo así coma unha antena diminuta, que penso sería para transmitir sinais”, confesou o tenente nun dos interrogatorios, unha vez de volta na Terra. “Cando alcancei o outeiro, o extraterrestre desaparecera, pero dende o alto víase unha chaira toda ela sementada de pedras lunares amontoadas, formando irregulares figuras xeométricas”, afirma o tenente noutro parágrafo. “De alí a un pouco, e logo de dar eu a volta, vino perante miña, a tres ou catro metros...Tiña toda a fasquía de ser humano coma nós. O caso é que non levaba escafandra nin cousa que se lle parecera: só a gorra coa antena, zamarra, pantalóns..Penso que ía descalzo, e respiraba coma agora eu. O tipo sacou un papel e un lapis da zamarra, púxose a escribir e debuxar nel e cando rematou, entregoumo”.

No papel aquel, hoxe feito público, aparece unha cartografía dunha illa alongada na entrada do que semella unha ría; e tamén un debuxo infantil dun monte cun penedo na cima. E o texto escrito di: “Chámome Santos Soñar e son da Illa. Polo Santo Estevo quedei coa moza en vernos na festa de Tremoedo e namentres bailaba con ela, a cada rouceo que daba vía a lúa chea pousada na cima do Lobeira. E ocorréuseme dicirlle se quería que lle trouxera a lúa para ela soa. Home, pois non estaría de mais, contestoume. Nun descanso da orquestra, díxenlle que ía botar unha mexada e marchei monte arriba. Cando cheguei ó penedo do curuto, abrín os brazos os brazos e coas mans quixen coller a lúa, pero esvarei e caín polo penedo abaixo. Aparecín aquí, e aquí levo dende esas.”

Os americanos mantiveron o caso en secreto xa que sospeitaban que os soviéticos ían moito por diante na investigación espacial, podendo enviar homes á lúa sen propulsión coñecida e sen protección algunha contra a falla de osíxeno. Os axentes especiais do FBI, Scully e Mulder, investigaron o asunto e certificaron a existencia real do tal Santos Soñar, nativo da Illa da Arousa, na bisbarra do Salnés, pertencente ó Reino de Galiza, que unha noite desgraciada desapareceu e non se volveu saber nada del. Incluso entrevistaron á moza de Santos, xa felizmente casada.

5/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións