Falamos aquí xa noutra ocasión do ceo maxenta que nos acubilla, a nós e a media humanidade (o resto, do que é mal, durme a ceo aberto). E nestes tempos de crise económica aparecen nos medios de comunicación, día si e día tamén, exemplos preclaros do ben que funciona o sistema. Falamos, por suposto, da economía social de mercado, da economía mixta, do mercado intervido, ou como lle queiramos chamar.
Unha das máximas deste sistema é : os beneficios para min, as perdas a repartir. Se as cousas andan ben, eu gaño, ti gañas, el gaña, e todos, todos gañamos. Mais se viran a mal, eu, ti e mais el, todos imos mirar de que as paguemos entre todos. Socializar as perdas, nunha palabra. Se ós labregos lles baixa o prezo do leite ou lles sobe o do gasóleo, pois ¡ala!, á rúa cos tractores e a pedir unha compensación. Se os construtores non dan vendido os pisos, pois ¡ala!, a pedirlle á Administración que se quede con eles, eso si, cun pequeno desconto. E se as entidades financeiras xa non poden acudir ós mercados internacionais de capital, pois ¡ala! que o Estado lles preste os fondos da Seguridade Social. Por certo, o caso das entidades financeiras chega a límites de escándalo e perversión, xa que fan esta petición de socorro cando asemade veñen todas de facer públicos incrementos nos beneficios do vinte, do trinta ou incluso algunha de mais do cen por cen. O día que lle faga xeito, don Marcelino F.Mallo hanos dar unha explicación.
Nesta ansia de traspasarlle ó Estado as nosas desgrazas individuais e de grupo latexa fondas e poderosas razóns, case todas elas con orixe nunha desconfianza ante o descoñecido e inabarcable. A cabeza común dos mortais –a de Don Manuel, aparte, que non é común nin mortal- no da para números tan longos coma os que manexa a cotío o señor Solbes agora, antes o señor Rato e moito antes, os grandísimos señores Solchaga e Boyer. Só a fe pode axudarnos a furar nestes misterios e, claro é, nos tempos de crise perdemos tanta fe coma cartos perdemos.
Está tan enraizado o sistema na sociedade que converte as diferencias de praxe dos partidos políticos en cuestión meramente conxuntural. Se estou desta beira do río, digo arre; se estou da outra, digo xo. Un exemplo desto témolo estes días pasados nos xornais, con Solbes anunciando que o sector da construcción vai ter que remoer as farturas de anos atrás, e cos portavoces do PP reclamando para o mesmo sector medidas de choque. Nos tempos de ceos vermellos e azuis, esta situación cualificaríase de “O mundo ó revés”, pois era teima dos vermellos intervir en todo, empezando pola economía, e ansia dos azuis que en Ribadeo cadaquén pagara o seu.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.