Hai xa tempo que a política deixou de ser unha actividade a tempo parcial de románticos sociais que corrían diante de grises e verdes por defender palabras grandes, abstractas, etéreas. Aquí e agora xa só se corre detrás do pan noso de cada día, e aqueles enfermos de hipersensibilidade social que aínda seguen en pé amolecen lembranzas e frustracións nos recantos mais sombrizos das tabernas sen que ninguén lles faga caso.
Porque a política converteuse nunha profesión mais, á que xa só lle falta o epígrafe correspondente no censo nacional de actividades económicas. E xa é hora de concederllo, para que cando a un político lle preguntan pola súa profesión, el poida contestar sen rubor: “político”. Coma se fose carpinteiro, barbeiro ou cantante de ópera.
A política ten un mercado propio, consolidado e sen ameazas de recesións no horizonte. É o que se di unha profesión de futuro. Polo lado da oferta conta unha forza laboral ampla e abnegada, disposta a traballar arreo e sen reloxo coa esperanza de subir chanzos na profesión, estudiando e facendo prácticas nas escolas preparatorias (Xuventudes Socialistas, Xuventudes Populares, Galiza Nova). Polo lado da demanda, o mercado político presenta una situación oligopólica con tres grandes empresas (PPsa, PSOEsa, e BNGsa) que absorben a case totalidade do negocio, deixando só unha cota marxinal para pequenas empresas INDEPENDENTES, sl todas, xeralmente de vida curta e axitada, a metade fundadas por resentidos que foron botados dalgunha das grandes, e a outra metade por indecisos que aínda non saben en cal das tres grandes acabarán entrando.
A política merece un respecto e un epígrafe no CNAE, porque como dixo o outro día no parlamento un home pequeno, a política é aquela actividade na que a cambio de tres patacóns un deixa o pelexo para facerlle a vida mais levadeira ós demais. E foi por iso que tivo que montar unha empresiña de nada para arrapañar os pingues beneficios que lle negaba a súa profesión. Non lle deades voltas ó asunto: o que é listo, é listo para todo.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.