E de supoñer que toda organización política nace e reprodúcese coa aspiración de gobernar algún día e así poder poñer en práctica todo, ou no máximo posible, o seu programa. E supoño que é así xa que, do contrario, só caberían dúas explicacións razoables: ou a organización sabe que o seu programa é impracticable ou ben non pretende ir mais aló dun club de parola e calceta. Outro cantar xa é que finalmente consiga acadar os seus propósitos. Pero a intención sempre está aí.
Pois ben, logo dos gloriosos anos de Beiras e con moito menos apoio electoral, Galiza tivo durante o cuadrienio 2005-2009, por primeira vez na súa historia, cinco conselleiros nacionalistas: Canal, Blanco, Bugallo, Táboas e Quintana., este último con honras de vicepresidente. Para asombro de miña nai, que sempre me dicía: “Eso nunca o verán os teus ollos”. Pois vírono, e ela tamén o viu. E aínda sen chegar a bailar con el —porque non lle cadrou, hai que dicilo—, penso que Quintana lle fixo esquecer para sempre o zapato de Beiras e mailo abaneo eterno do dinosauro.
Seguramente se fixeron mal algunhas cousas, algunhas outras regular e certo que moitas se fixeron ben, coma en toda obra humana. E os arriba mencionados teñen toda a pinta de pertencer á especie humana. Debemos facer autocrítica, claro que si; pero a xusta. Nin unha pinga mais da debida. Para tales angueiras xa están os agora vencedores e mailo seu longo e vasto brazo armado. O tempo que gastemos en flaxelarnos é tempo que perdemos en valorar o que si fixemos ben e vendelo urbi et orbe. O vulgo gusta —gustamos— de políticos fachendosos e arroutados.
A diferencia da relixión, a política trata das cousas de por aquí. Ás veces o BNG semella unha secta relixiosa, mais preocupado pola estricta observancia de regras e procedimentos, mais pendente de non desviarse un milímetro do camiño recto cara o ceo ca de gobernar os asuntos mundanos. Eu quero o ceo na terra. Se teño que esperar a morrer para acadalo, entón non me interesa. Para eso xa conto coa relixión.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.