Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Eu tamén son K

11:20 01/03/2009

Tiña xa aviadas unhas notas, na mesma liña irreverente de sempre, sobre a cuestión electoral. Pero vai ser que non. Na escala de prioridades sempre hai unhas que están antes ca outras.

Hoxe, venres 27, almorcei coa nova do falecemento dun cativo no lugar d' O Vilar, no concello lugués de Paradela. Acababa de regresar da escola e, no camiño cara a casa, parou a facerlle aloumiños a unha das vacas da explotación familiar que pacían no prado. Parece ser que o animal debeu escornalo e logo pasar por riba del. Tiña 10 anos e o seu nome empezaba por K.

A vida é inxusta. Hai case corenta eu tiña os mesmos anos que K e tamén enredaba no camiño de volta da escola unitaria de Cadrón, e xogaba tamén coas vacas, a turrarlle do rabo, ou dos cornos, e acariñáballe a fronte, ou o pescozo, ou aquel bandullo inmenso que se ía inchando co paso das horas no prado. Seguramente me deron algún susto que outro, pero estou aquí. K xa non.

Mais que inxusta, a vida ven sendo moito unha cuestión de sorte. Por eso, eu puiden brincar coas vacas, e logo estudiar, e brincar coas mozas, e logo traballar, e brincar cos amigos, e logo escribir libros, e plantar árbores, e seguir estando vivo. Ata puiden reproducirme en fillos que axiña terán a idade de K, e sigo con vida. Pero K xa nunca poderá e, mires como o mires e dálle as voltas que queiras, pero non parece xusto. Pero nadiña.
Conta o xornal que foi a bisavoa quen atopou ó cativo tirado no prado e que este aínda estaba consciente. E que K aínda lle dixo que non se preocupara, que estaba ben.

4,69/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións