Letras 96
"Mil primaveras máis" en homenaxe ás nosas Letras, que ademais de moitas colaboracións contaba cunha entrevista a Francisco Fernández del Riego e o texto de Álvaro Cunqueiro traducido a máis de 30 linguas.
Letras 97
Homenaxe no ciberespacio a Fole, a representación da Galicia máis tradicional. Entre outros, facemos unha experiencia ciberliteraria co texto de "Terras do Caurel".
Letras 98
Este ano o Día das Letras viaxaba polo tempo ata as orixes mesmas da nosa lingua e literatura. Os tres poetas do mar de Vigo, Martin Codax, Meendinho e Joham de Cangas, son os protagonistas.
Letras 99
Unímonos á recuperación da memoria de Roberto Blanco Torres, poeta e xornalista, comprometido coa causa democrática e asasinado durante a Guerra Civil.
Letras 2000
O 2000 foi o ano de Murguía. O especial de Vieiros: Cartas de amor queimadas, entrevista de Fernández Flórez, Murguía e a ortografía nacional e novos escritos descubertos.
Letras 2001
O ano de Eladio Rodríguez. Coincidindo co recordo da vida e a escrita deste funcionario municipal metido a garda palabras, argallamos cos lectores e en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación, un diccionario de preferencias e ausencias.
Sarmiento 2002
Manifesto pola celebración do Día das Letras en Vilafranca do Bierzo.
Letras 2002
O 2002 foi o ano Sarmiento e aproveitamos a homenaxe a este vilafranquino para facer un especial sobre o galego exterior. Publicamos unha escolma de literatura en galego nas zonas galegofalantes alén-raia e tamén un vocabulario sexual galego ao que lle chamamos "Trebellas ou traballas?".
Letras 2003
Este foi o ano de Avilés de Taramancos. Ademais de manter a web de Avilés, elaborada polo seu fillo, tamén analizamos o papel dos concellos na normalización lingüística.
Letras 2004
‘Das palabras e das cousas’, adicado a Xaquín Lorenzo 'Xocas', inclúe fotobiografía do homenaxeado, artigos sobre o seu labor e o escáner ‘Que queda da Galiza de Xocas?’. Ao tempo, creamos o primeiro dicionario galego de sms, promovemos un concurso de epitafios por móbil e agasallamos con varios fondos de pantalla e postais conmemorativas.
Letras 2005
Coa lingua na maleta. "Quixo ter un soño a terra". Inclúe a fotobiografía do homenaxeado, Lourenzo Varela, "As augas do tempo", así coma un guieiro na rede dos recursos vencellados a un autor que pasará á historia coma "a encarnación máis dolorosa do exilio". Ademais, o editorial de Vieiros "Por un Plan Galego", a reportaxe "Que se fai pola lingua no estranxeiro?", un repaso ás bitácoras galegas do exterior, o concurso "Angazo ou enciño?" e un "Dicionario aberto da emigración".
Letras 2006. Na túa lingua, nas túas orellas
Manuel Lugrís foi o primeiro en usar o idioma galego nun discurso público e político. Neste especial das Letras quixemos facer especiais as voces, os fonemas, a lingua falada. E fixémolo en forma de podcast, agasallando e recomendando o mellor da lingua galega en mp3, dereito ao teu reprodutor. Algunhas pezas son de colleita propia e outras do que pescamos pola rede adiante, cada vez máis vizosa de sons e de palabras. Velaquí un regalo para os teus ouvidos.
Letras 2007. "Linme hoxe toda por dentro"
María Mariño era unha das figuras máis enigmáticas das nosas letras. A súa valiosa obra poética (en vida, Palabra no tempo, e de xeito póstumo, Verba que comeza e Más allá del tiempo), amosan a súa vontade de estilo, o seu radical rupturismo coas convencións da linguaxe, a súa teima existencialista, e a súa capacidade para crear universos simbólicos. A súa poesía non esmorece co tempo, e neste 17 de maio, foron moitas as voces que a lembraron.