Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A triste historia do boi de Abonxo e mailo conselleiro Fariña

17:18 30/03/2010

Cando aló por xaneiro o conselleiro Fariña dixo aquelo de que a cultura galega estaba ensimesmada e acomplexada, eu asubiei e seguín ó meu. Porque teño por norma profiláctica non darlle creto ás palabras dos políticos, sexan da cor que sexan as palabras e mailos políticos. El falaba da cultura galega, non dos galegos; pero como é de supor que a cultura galega é feita por galegos, por extensión estaba a dicir que os galegos estabamos ensimesmados e acomplexados. ¡Ala, outra vaca no millo! ¡Outro político botando a lingua a pacer! ¿Quen lle falou do meu ensimesmamento e dos meus complexos? ¡Que saberá el!

Pois sabíao o condenado, ¡vaia se o sabía! Porque o pasado 23 de Marzo declaraba no Parlamento, a conto do “desván” que teñen os monxes en Sobrado, que non fora consciente do erro cometido por mor do cansazo despois de 12 actos seguidos. Si, lestes ben, doce actos; non un, nin dous, nin como moito tres, senón doce. E non doce nun día de vintecatro horas –un cada dúas horas, coma os cigarros saboreados-, senón doce seguidos. Ou sen sacala, que de xeito coloquial tamén se di así. E claro, eu que ando polos doce ó ano –un cada mes, vaia- ou trece cando é ano santo, pois que queredes que vos diga, agora si me sentín acomplexado e como non o trate, vou caer no ensimesmamento. E non é para menos, porque a diferencia é astronómica. Mira que lle teño dito á muller que tanta nugalla nos ía prexudicar e ela veña co conto de que iamos coa media e demais trolas estatísticas. ¡Voulle dar eu media, mediana e percentil!

Agora comprendo as olleiras e o avellentamento acelerado dos políticos comaróns. Os actos goréntalos se son poucos e se podes con eles, pero a partires de certo número son mais un deber ca un pracer. Sabíao ben o boi de Abonxo de Cangas, o único animal que podo dar fe era quen de competir co conselleiro Fariña. Penso que o animal era consciente de que só para cantar ese fado viñera a este mundo. Porén, non lembro verlle ledicia nos ollos cada vez que eu lle levaba as vacas para que as cubrira; nin aínda que lle levara a xovenca de corpo mais perturbador. ¡Quen fora o boi de Abonxo!, exclamabamos daquela os mozos da Balouta. Se algunha vez nos escoitou o boi, seguramente remoeu para si: ¡Mira que son parvos estes parvos!

Se foi certo o dos 12 actos seguidos -e non unha trola mais das súas-, entón o conselleiro Fariña ten dende xa a miña admiración, comprensión e, por suposto, por min coma se di que é a reencarnación de Otero Pedraio. E tamén lle concedo o dereito a ler sen darse conta, xa que eu, logo de doce actos, estaría xa rillando claudias con Castelao e non sería quen nin de abrir os ollos. As cousas como son e o acto para quen o traballa.

4,93/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións