Na prédica do domingo pasado diciamos que diante da actual crise económica, os poderes públicos pouco ou nada poden facer mais ca afrouxar a carteira e asolagar de cartos as feridas do paciente por mor de mantelo con vida. Hoxe, cando Cristo ven de resucitar outra vez, lembrarémoslle ós fieis vieiristas que non ben o paciente saia desta imos ter que facerlle fronte á factura do hospital.
O profesor F. Mallo, na súa columna inaugural no Xornal de Galicia, advertía de que non vaia ser o demo que pasemos dunha crise provocada polo crédito privado a outra causada polo crédito público. Pois precisamente, para non chegar a esa estrema, debemos tomar conciencia dende xa que todo este gasto de emerxencia non é de balde, nin un maná agromado da nada, nin un agasallo dos deuses: é débeda pública, con xuros engadidos e con vencementos estipulados.
E como as recuperacións, agás as milagrosas, soen ser lentas, temos por diante anos de cinto apertado. Porque tal e como están as cousas, e sen pecar de pesimistas, é mais que probable que iniciemos o cambio de ciclo cun déficit público preto do 10%; e, pensando en volver a valores por debaixo do 3%, o camiño de volta semella ben complicado, no só pola súa larganza senón tamén porque a devandita reducción vai ter que ser a expensas só do recorte no gasto, xa que os ingresos marcharán parellos á marcha da futura recuperación e toda vez que xa case non quedan activos públicos que sacar á venda.
Calquera recorte no gasto é tarefa dura; dolorosa para os administrados e desagradecida para os administradores. Porque o gasto, unha vez nace, tende a perpetuarse no tempo indefinidamente, buscando apoios e complicidades aquí e acolá, inventando a cotío escusas para medrar ou, cando menos, para quedar como está. A diferencia do ingreso, que se non o regas e lle fas aloumiños todos os días pois aló vai, o gasto sobrevive aínda nas condicións máis adversas e extremas.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.