Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Tangallego comoelgallego

20:25 14/06/2007

Hai un grupiño de xente con apelidos moi compostos e filiación inequívoca que anda a recoller asinaturas en contra do noso idioma. Seica van polas dez mil, e non dubidamos que serán algunhas máis. Segundo eles, estase a producir unha imposición da lingua no ensino. O seu argumento-estrela é que o español é tan galego coma o galego.

Imos intentar desentrañalo por consenso científico. A ver logo. Aplicamos a lóxica que nos ensinaron (en español, só en español, sempre en español) na escolarización media e primaria. Non hai présa.

-Principio base: calquera cousa é igual a si mesma. Se A é igual a A, A é igual a A. O español é igual a si mesmo e o galego tamén. Espero que ninguén se sinta ofendido por este principio.

-Principio base avanzado ou axioma da ra Gustavo: se unha cousa é igual a si mesma e aparece unha segunda cousa que é igual á cousa anterior, as dúas cousas son iguais. Exemplo (vid. Barrio Sésamo): certo número 3 vai andando a brinquiños por un centro comercial. Busca impaciente a máquina de refrescos. De repente aparece outro número 3 brincando nervioso. Os dous quedan parados. O segundo número 3 non busca un refresco, senón a súa filliña, a letra P, que acaba de escaparlle para a sala de xogos. Nada máis verse, o primeiro número 3 e o segundo número 3 detéñense e crávanse a mirada. Acaban de descubrir que son iguais! E senten alegría, unha inesperada proximidade (en Barrio Sésamo a xenética non existe).

Como todo o mundo viu algunha vez Barrio Sésamo, non reproducimos o resto da historia. É moi entrañable e ao final, xa adiviñaría o astuto lector, a máquina de refrescos estaba dentro da sala de xogos.

-Principio tangallegocomoelgallego: un 4 vai saltando co seu único pé polo centro comercial de antes. Busca a máquina de refrescos. Segundo tangallegocomoelgallego, cando aparece 3 en escena, 4 dálle unhas palmadas nerviosas. “Ei! Ti e mais eu somos iguais!!”, di con satisfacción. A escena conxélase.

Sae a ra Gustavo, didáctica: “queridos nenos, este número está confundido. El di que é igual a 3. Vós que pensades?”. Nenas e nenos de medio mundo, sentados frente á tele da casa coas perniñas colgando, berran “Nooon! Son distintos!”. E entón vén o monstro das galletas e canta a canción dos dez números. Publicidade.

-Conclusión A: o galego é tan galego coma o galego. O español ten máis sorte; é en todo igual a si mesmo pero ademais pode ser igual a outra cousa.

-Conclusión B: o español é tan español coma o español e tan galego coma o galego. Pero o galego non é tan español coma o español –isto último creo que pode entendelo incluso un españolista-.

BIBLIOGRAFÍA (en español, claro)

Lógica fluida : una alternativa a la lógica tradicional, DE BONO, Edward, Ed. Paidós
Constitución española, VV.AA, Ed. Castillejo
Barrio Sésamo – Aprenda con el monstruo de las galletas, Ed. Planeta Junior

4,77/5 (94 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións