A inesperada morte de Xosé Cuíña foi a maior perda da dereita nacional, esa que case nunca existiu, desde a defenestración -logo hai vinte anos- de Xosé Luís Barreiro ou a liquidación do proxecto Franqueira.
Éche atávica a insistencia no carácter escuro e caciquil dos políticos conservadores galegos, como se iso fose acervo de Galicia e a dereita vasca (PNV) ou a catalá (CiU) -non digamos a española- se enriquecesen no poder para o ben común; como se a escuridade só atinxise á dereita nominal e non existisen Felipe González nin a rede clientelar no sur de España. Aquí, aquí ao ladiño, agás a ACE, andan os partidos do goberno de Cangas claudicando ante a podremia urbanística. A xente ten memoria e non dubidamos que lla refrescará o Foro Social. Iremos vendo.
A Cuíña e ao que el puido representar axudaron a lapidalo no plano simbólico os directores da orquestra madrileña cando consignaron a fábula das boinas incultas, caciquís e atrasadas fronte aos birretes universitarios, modernos e integradores. E despois vese, sobre a parede da dereita -sombra estilo Nosferatu- a man ensanguentada de Manuel Fraga Iribarne. (No muro da esquerda distínguese a de Francisco Vázquez, que o “E” do PSOE leva tamén sementado uns cantos cadáveres políticos: González Amadiós, Ceferino Díaz, Miguel Barros. Puido ser Beiras a primeira vítima, pero andou solerte). Non é tarefa que saia gratis a fundación e mantemento dalgunha área de soberanía -sexa cultural, económica ou política- fóra da pouta española.
Alén de moitas contas que non cómpre botar hoxe, Xosé Cuíña sucumbiu na area do circo cando parecía reclamar espazo para a burguesía nacional. Os compañeiros, advertía Churchill, son feras abondo máis letais ca os adversarios. Alí estaban, no enterro, os mesmos responsables do PP que filtraron a sentenza para que a executasen os tribunais de xustiza. Tocaba falar de que Cuíña era corrupto (non Vázquez, nin Aznar, nin Borbón) e as plumas mercenarias funcionaron coma a Sinfónica. O PP non quería outro Barreiro Rivas, nin outra Unión do Pobo Navarro, nin aínda menos outro Vitorino Núñez dando sustos á soñada maioría absoluta no Congreso.
Toque de corneta
Tanto ten nobreza celosa do privilexio ou burguesía intermediaria; a Historia lémbranos que en canto a rede de intereses económicos chamada España dá un toque de corneta, as sucursais deben poñerse firmes. A elite colonial goza representando a fantasía de que o poder obtido grazas aos privilexios da submisión beneficia a todo o seu pobo. O PSOE galego e o PP galego son mentira. Son un logotipo imprescindible para obter votos neste país. Xa veredes como un día, se somos boíños, nos mercan un tren igual ca os Reis Magos na Praza tomada de María Pita, Prestige, xaneiro, 2003.
E de porparte habemos comprobar nalgunha das próximas eleccións se hai tal dereita galega –xa a inventaran Filgueira e Risco: acabaron onda Franco, claro- ou todo era un soufflé de ameazas para garantir sillón. Por se acaso Mariano Raxoi escolleu sacrificar a Xunta antes que entregala a quen se despediu hai uns días cuberto coa bandeira galega.
Andamos nas antípodas do falecido político laninense, pero son compañeiro de asinatura, aquí en Vieiros, de Rafael Cuíña, con quen nunca falei. Quero transmitirlle o pesar pola morte de seu pai.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.