Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Manual de linchamento

13:30 19/10/2007

O linchamento público que estes días sofre Yolanda Castaño culmina a lenta xestación dunha maquinaria perversa e anónima.

Coa poeta compostelá teño dúas relacións que ocasionalmente conflúen. A máis valiosa é a amizade, un regalo do que me honro porque Yolanda Castaño sabe sempre estar á altura do que se espera nas persoas onde depositamos a confianza. A outra relación, que poño en segundo lugar pero tamén aprecio polo moito que un dá aprendido, é literaria. O que significa tamén cultural e significa tamén política.

Os amigos de Yolanda xa facemos o pouco que está a noso alcance para que toda esta vaga de estrume chegue ao mar e ocupe o seu sitio na historia, máis ben minúsculo. Así que vou falar, con licenza, como compañeiro. Na cultura galega hai discrepancias, polémicas, mesmo aversións persoais. Practicamente nunca, que eu lembre, rebordan os límites dunha convención desas que non se asinan.

Nunca rebordara até estes días. Acubilladas en nicks, varias persoas decidiron culminar un proxecto de demolición contra a personaxe pública e privada Yolanda Castaño. Que esa personaxe resista en pé –ha resistir– e que a persoa aguante como pode non resta gravidade ningunha ao vendaval.

As personaxes públicas son e deben ser criticadas. Iso carece de límites no que atinxe ao estético, ao político e ao que ten de persoal a imaxe escollida por cadaquén para comparecer nos medios.

Todo comezou así, coma unha cuestión de críticas ao atrezzo da personaxe. Os anónimos escribían pola rede se lles parecía guapa ou non, se a súa actitude lles parecía correcta ou non. Os anónimos ampliáronse ao profesional: se facía ben ou mal cobrando por traballar aquí e aló, se cobraba moito ou pouco. Até este punto eu, calquera, podía argumentar o que lle dese a gana, situarse no bando oposto, matizar ou condenar sen paliativos. Os anónimos teimaron: tanta presenza pública ulía a arribismo; en calquera caso, unha consideración subxectiva aínda que mal intencionada. E así, durante anos, insidiosamente, máis e máis anónimos foron esvaecendo a pequena fronteira que hai entre un desacordo estético ou político, un xuízo moral e unha condena sen xuízo onde a mentira ten barra libre e o fin xustifica os medios.

Os anónimos competiron a ver quen escribía o insulto máis besta. O altar terrible da posmodernidade consegue que, incluso nun país onde todo o mundo se acaba coñecendo, as persoas (non só as famosas) se convirtan en artefacto dixital. A consigna vén sendo: se sofre, que lle dean, e se escribo unha falsidade que a desminta nunha roda de prensa.

Que a vítima fose muller facilitaba a lapidación. É un síntoma para anotar: as peores mamalonadas que lle caeron a Castaño nunca se usarían para denigrar unha personaxe pública masculina, coide ou non a súa imaxe, pida ou non diñeiro por desenvolver o seu choio (como fan os fontaneiros e os deseñadores de tulipas), teña ou non éxito. Si es que van provocando, neno. Éche coma a norteamericana esa, a atleta da pértiga: se está boa e sae na tele, que se foda.

A Yolanda non a amolaba a brincadeira interactiva de poñer e quitar modeliño. Comentámola por teléfono, acórdome ben, cando saíu na rede, aínda que creo que a min me fixo máis coña ca a ela. Aduaneiros sem Fronteiras, web de nome xenial e momentos intrépidos, con cuxas caricaturas tod@s nos temos rido nalgunha ocasión (Xosé Ramón Reboiras Noia non puido celebrar a que lle dedicaron porque foi dos que apostou a vida e perdeu para outros poderen, por exemplo, facer caricaturas), Aduaneiros, dicía, virou habilmente a súa responsabilidade á hora de manter na rede os insultos -e non é que lles faltasen meses para eliminalos- e invocou un ataque contra a liberdade de expresión. O mundo do rivés. Esquecemos a materialidade das palabras e o carácter case sagrado dalgunhas delas até que petan na nosa porta. Entón si que si, acudimos ás maiúsculas e acusamos a quen chama de non facelo con tres toques serenísimos, pedimos elegancia, respecto e deportividade.

3,3/5 (70 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións