Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Agustín Fernández Paz

11:00 02/07/2009

Presta dicilo aquí, en Vieiros, con cuxa posta en marcha el tivo tanto que ver: certa gran literatura é enganosamente fácil, como fácil lle parecería escribir a quen comezase as súas lecturas por Steinbeck –o d´A perla, digo- ou por Cartas de inverno. A prosa de Agustín Fernández Paz posúe o don raro da transparencia, non só na maneira de contar, senón na planificación e na execución das historias.

Temos o privilexio de comprobar os efectos desa narrativa nidia no campo de probas máis cruel. Trinta rapaces e rapazas nunha clase, cada un coa súa maneira de ver o mundo, algunhas feitas no pracer do papel impreso, outros con alerxia adquirida aos hábitos que a lectura esixe –concentración, comprensión, capacidade para evocar- e cada vez que inauguramos a nova entrega de Agustín Fernández Paz óbrase o prodixio. Son escenas inesquecibles, sinxelas. Dous adolescentes báñanse á luz estival en Corredores de sombra e o silencio dun rito comeza a dominar a aula. O galego portentoso do meu alumnado, a cadencia de matices vocálicos, entoada desde o propio código chairego en que soña Fernández Paz, regala a algúns mediodías esa textura única. Ao pararmos enxurran as intervencións e o debate.

O único que queda é o amor, relatos nos que se revela un lector apaixonado pola poesía, é a última entrega do vilalbés. A súa mestría brilla, se cadra, coa maior potencia e consegue a fluidez cinematográfica á que nos ten afeitos. Unha obxectividade só aparente; creo que foi Jaureguizar dos primeiros da penúltima fornada en apreciar a exquisita harmonía da arquitectura de Fernández Paz cando consegue que a eficacia das localizacións, a análise psicolóxica e a selección léxica resulten case invisibles. Un remata e lembra sen esforzo a linealidade das estorias de amor e desamor, pero a facilidade da nosa memoria ten que ver coas horas de oficio que este autor batido en mil causas foi labrando ata a depuración extrema.

Dicíame a semana pasada unha compañeira encargada da biblioteca que as constantes entradas e saídas dos libros de Agustín Fernández Paz –lecturas non condicionadas polo criterio do profesorado, e crede que a nosa biblioteca está ben mantida doutros clásicos nacionais e internacionais-, coma as de Xabier P. Docampo ou Fina Casalderrey, se me permiten o atrevemento de escoller tres nomes, proban que a literatura galega á que se lle puxo o carimbo de “xuvenil” alcanzou extraordinaria altura. Velaquí a penas unha páxina que ben podería ser a autopoética mesma de Fernández Paz. Se a le vostede explicarase moitas cousas.

4,15/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións