Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Deconstructing Rosalía

19:00 15/04/2008

Non parece prudente o xuízo de segunda man baseado a penas nunha crónica, pero sabemos do rigor da sección "Maré" de Galicia Hoxe e por iso, nada máis ler que Marta Rivera de la Cruz achegaba "unha nova visión de Rosalía", dispuxémonos a averiguar en que consistía esa visión e en que termos era nova.

Ao pronunciar unha conferencia na Casa de Galicia de Madrid, Rivera de la Cruz quixo, segundo nos contan, “desmitificar” a fundadora da literatura galega contemporánea. “Desmitificar”, pensei. Pensei que desde os anos oitenta os centros de ensino espallaron os primeiros pasos para a deconstrución da Rosalía falsa, do mito haxiográfico, desinformado e paternalista. Ningunha das últimas xeracións que atenderon un algo na clase dará crido xa que a autora de Iria fose unha mixiricas ou que a súa ética fose a dunha santa civil. Máis ca “desmitificar” Rosalía, de vinte anos para acó cumprira fundir os materiais que o españolismo -ideoloxía agresiva e inimiga do coñecemento desde a súa irrupción na Historia- e o rexionalismo galego utilizaron para convertela en estatua.

Se dixo o que a crónica do xornal continúa relatando, Marta Rivera de la Cruz faría ben en ter moito ollo coas fontes. As que ela semella manexar para a “desmitificación” da autora de Cantares Gallegos cheiran a rocho onde deixou de correr o aire. Porque, só un exemplo, a nosa grande poeta nacional non foi abandonada pola nai, nin aleitada por tías ou criadas de Ortoño en idilio campesiño. Porque hai lustros que ninguén cita Unamuno, aínda que sexa para rebatelo, como autoridade en versos de Rosalía. Coa maioría dos poetas españois e dos portugueses -e algún beato galego-, Unamuno ou J.R. Jiménez admiraron o xenio rosaliano sen darse ceibado dos seus prexuízos sobre a Muller. Os mesmos prexuízos que tiñan sobre Galicia, sobre as capacidades da lingua galega (coñecida internacionalmente como lingua galega) e sobre as clases populares: todas elas inhabilitadas, segundo a visión patriarcal e colonial, para o exercicio completo do raciocinio. Nese sentido as autoridades do humanismo hispánico do século XX foron analfabetas.

Desmitificar?
Desde aquela moitas cousas cambiaron. Grande atrevemento sería, sen dúbida, falar en público de Rosalía de Castro esquecendo as obras de Kathleen March, de Francisco Rodríguez, de John Wilcox et alii. Nin sequera fai falta amar o que ela amaba. Pero é que hai un antes e un despois, nos estudos rosalianos, un salto cualitativo que marcan as investigacións publicadas por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. E hai tamén un antes e un despois da intervención crítica de Anxo Angueira; pode consultalas Marta Rivera de la Cruz n´A Trabe de Ouro ou seguir o ronsel de Rosalía 21, iniciativa da Consellería de Cultura presentada con éxito na Habana. Acaba de editarse unha parte dese proxecto, o brillante CD no que a música de Abe Rábade e as voces de Guadi Galego e do propio Angueira nos descubren unha Rosalía de Castro sempre nova.

Desmitificar, entón, o que? Existe algunha deconstrución da obra de Rosalía que non equivalla a tentar deconstruír o Rexurdimento? Coidamos con sinceridadade que non existe e que, polo tanto, a letra pequena desa manobra apunta ao revisionismo. Fixádevos no microrrelato: a cultura galega naceu bilingüe desde o Principio, desde o medievo. Despois marchou a luz (un acidente, nada grave) e despois veu un Rexurdimento, si, pero era el galeguista, radical, parcial, e durou pouco; Desencantada Rosalía acabou escribindo En las orillas del Sar, que es el morir y principio de toda vida verdadera. “...Son os ríos!”, advertiu o mellor poeta dos anos de chumbo.

4,7/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións