Nunca os foros dixitais, que adoitan colapsar discusións sobre celtas ou sobre ortografía, reflectiran con tanta intelixencia a encrucillada que se vive hoxe. As siglas grandes e pequenas fracasaron (fracasamos, aínda que a responsabilidade non é comparable) na maior crise da esquerda nacional desde a súa fundación. Os comicios foron o punto crítico, non a causa.
Semellara espida, coma o rei do conto, a miraxe de capturar adhesións simultaneamente na esquerda e no caladoiro empresarial. Só había un camiño sensato: dividir o BNG fortalecendo así cada unha das estratexias de conciliación imposible. A facción liberal respiraría aliándose con quen asume a estrutura do Estado e persegue a vella quimera do Partido Galeguista de crear unha burguesía propia. As correntes socialistas e comunistas, as plataformas sociais que así o quixesen, convocarían para unha refundación todo o arco ideolóxico que vai de EU á FPG.
Desgraciadamente o peor dos supostos parece confirmarse: por un lado, as bases do BNG que aplauden calquera escisión pola esquerda aceptan continuar instrumentalizadas por un partido –formalmente- de esquerda coma a UPG. Polo outro, as siglas e militantes da esquerda que serven como recheo asumen un paradoxo digno dos Monty Python: as vitorias electorais reforzan a organización e a Francisco Rodríguez, mentres que as derrotas electorias reforzan a organización e a Francisco Rodríguez.
A cúpula do partido que monopoliza todos os resortes de poder no Bloque, coma a xerarquía eclesiástica, blindouse contra os acidentes da Historia. Pero a súa praxe reivindica cada vez máis intensamente aquilo que pretendía abolir: o funcionamento vertical, o Estatuto e a economía de mercado.
Quizais a asemblea do 10 de maio certifique esa deriva cara a terra de ninguén. Daquela a esquerda seguirá o seu camiño, empezando polo grande debate teórico que este tempo quixo converter en residual; obviamente a totalidade do galeguismo conservador non dará curado o mareo que lle produce a estrela da República.
Veremos convocatorias que terán moito de reforzo endogámico e, coma sempre, participaremos cando estea en xogo o que nos une. No entanto, con ou sen as valiosas persoas que prefiran varar no BNG, o proceso de refundación comezará a tecer a súa malla. Estamos ante a peor crise económica e política dos últimos decenios. A penas quedará sitio para a xenerosidade.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.