Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Nós tamén desobedecer

19:00 02/07/2007

Desculpen isto de citarse un, pero xa víñamos osmándoo: a apelación da Igrexa á desobediencia civil responde a unha estratexia a medio prazo deseñada polo beato Wojtyla, asumida por Ratzinger e acelerada no ámbito local coa vitoria do PSOE que derrotara a Bono e a Acebes.

Non sabemos se os súbditos españois calibran ben o alcance da medida. Aínda que os partidos que avogan pola desaparición das axudas públicas ao ensino confesional son poucos (en Galicia extraparlamentarios), existe unha maioría laica que fixo voto de silencio desde 1979, data do pacto posfranquista co Vaticano.

Ese acordo permite a un Estado que non forma parte da Unión Europea, nin respecta acordos internacionais, o uso de instalacións e de fondos públicos para o adoutrinamento. Todos participan: o Rei fala á Nación (á súa) o día vinte e catro de Nadal desde todas as televisións públicas agás ETB. E a Galicia institucional (PSOE-BNG) pon traxe para ofrecer a alma a Santiago mentres a versión sport do nacionalismo clama polo futuro na Quintana dos Mortos.

Cando os bispos e a COPE ordenen insubmisión contra a materia de Educación para a Cidadanía, quizais saia do armario a maioría que acatou curso tras curso o misterio legal da aconfesionalidade. Manifestará, por exemplo, mediante votación nos claustros e nos consellos escolares, que non está disposta a ceder instalacións públicas para ningunha doutrina contraria ao Humanismo ou á Ciencia. Que non tolerará o uso das aulas para os rapaces e rapazas deste país escribiren no caderno que o lesbianismo leva á condena eterna; que os métodos anticonceptivos son inmorais; que as investigacións xenéticas non deben continuar; que é pecado horrendo a morte voluntaria e que -por non facer demasiado longa a lista- unha nena violada debe converterse en nai do fillo do violador.

E así España terá dous retos: o primeiro, explicar por que unha parte dos impostos se destina a financiar até a gratuidade empresas privadas que suplantan o ensino público e o converten nun barrio marxinal do coñecemento. O segundo, lembrar a San Pedro de Roma que ningunha chantaxe política será obxecto de negociación por parte do Estado. Francisco Vázquez pode encargarse de entregar o fax.

4,75/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións