Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Quen teme a literatura galega?

20:15 19/09/2007

Aínda que literatura galega se ve sometida á dura lei comercial do espectáculo, aínda que segue sendo afastada como 'rara avis' nos andeis, aínda que non conta os lectores por millóns (iso é, por certo, o habitual nas literaturas do mundo) a gran maioría da poboación asumiuna como propia.

Fíxoo na medida real ou simbólica en que os pobos asumen as súas institucións; unhas veces lendo a Rosalía, outras veces a Castelao, outras a Manuel Rivas e outras a ninguén; simplemente, considerámonos representados nas súas voces.

Os gobernos da legalidade española víronse obrigados nas últimas décadas a recoñecer o sistema literario nacional. Ben, en ocasións o recoñecemento formaba parte dunha cerimonia que tiña tintes de exorcismo, mais iso non restou solemnidade ao feito de contemplarmos como reverenciaban as letras galegas un bo mangado de políticos que se distinguiran na súa persecución. Eles o que querían era celebrarlles o funeral.

O nacionalismo español moderno, máis amable, clasifica a nosa literatura como entidade secundaria. Isto é, Literatura son os clásicos universais en español, inglés, francés, etc. Despois está a literatura galega, que se tenta marcar co adxectivo na mesma forma en que se fala de tenis feminino, comida chinesa ou deporte vasco. Concédenlle certa atención, editan obras ou antoloxías (La Voz de Galicia, El Progreso, etc.) e resérvanlle unha cota semanal (El País, Faro de Vigo) que cadra coa que se destina á lingua nos ámbitos máis subxectivos, por exemplo a opinión non editorial e o humor gráfico.

Unha última consigna tenta minusvalorar a nosa República das letras insistindo en que é subsidiaria. Subsidiaria en sentido estrito -ou sexa, que permanecería viva grazas ao subsidio público- ou subsidiaria en sentido simbólico, por canto que se limitaría a unha versión dialectal doutras. Varias cabezas visibles do reintegracionismo fóronse sumando ao cuestionamento. Alcuman o galego de “castrapo” ou de “camiño de cabras”, celebran o Nobel de Saramago e non apoian (mesmo cuestionan) a candidatura de Ferrín. Negan, en fin, á nosa literatura o carácter internacional na mesma hora en que, un supoñer, Álvaro Cunqueiro se traduce ao árabe e Chus Pato é publicada en Gran Bretaña tras esgotarse a edición canadense de M-Talá.

Ningunha literatura, desgraciadamente, foi abondo para abalar as miserias que nos rodean. Ás veces nin sequera o intenta, porque carece de deberes; dentro dela colle todo e nada lle está prescrito. Pero neste país, independentemente dos contidos, ou de que fose pobre a calidade, que non é o caso, a refundación da literatura desde o XIX constitúe un signo de resistencia, e a súa vitalidade un triunfo comunal. Só quen aspira a manter baixo control a imaxinación e a intelixencia ten boas razóns para temer as palabras.

4,23/5 (73 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións