Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Somos máis

10:20 18/06/2009

A última manifestación pola lingua non foi, desde logo, fracaso ningún, pero aínda faltaba xente. Por que? Fíxense na contradición: os que queren eliminar o galego da vida pública por motivos ideolóxicos aparecen como defensores das liberdades individuais; fronte a eles, a maioría que conformamos galegofalantes e castelanfalantes non hostís ao idioma é proxectada nos medios de comunicación como un núcleo de resistencia case partidario.

Reunimos cincuenta mil e ben dabamos convocado cento cincuenta mil. A Lingua pode escribirse con maiúscula, podemos lembrar as veces que queiramos que dela depende a existencia deste pobo, invocar a Historia ou o futuro. Nada do xa sabido é máis poderoso que cada persoa que se expresa no noso idioma ou que, facéndoo en castelán, detecta na política lingüística da Xunta unha insensata aposta pola confrontación civil.

Nunca Máis, desde coordenadas moi diferentes, tivo a intelixencia de dirixirse a toda a nación, incluso á que ignora selo ou se imaxina a si mesma noutros códigos. A multitude que alfombrou Compostela de paraugas non servía unha táctica de partido, pero tampouco era inxenua e sabía con quen estaba compartindo o Obradoiro aquel decembro de 2002. Todos cederon a súa parte. O último tempo foi consecuencia desa mobilización que mudou a forma de nos pensar como país.

O xadrez deseñado polos herdeiros do franquismo sociolóxico funciona porque o rival, que efectivamente xoga coas pezas negras, renuncia a ocupar o taboleiro e os seus movementos son tan defensivos como previsibles. Pasar ao ataque implica negar a condición de interlocutor aos campeóns da intolerancia e converter dunha vez esta partida nun gran movemento polos dereitos civís, suprapartidario e disposto a manexar todos os resortes privados e públicos ao seu alcance. Só quen ten o poder para realizar o complexísimo traballo de dirixirse, unha por unha, a todas as asociacións de barrio, deportivas, cívicas, culturais, aos sectores de calquera forza política que se sumen á marea, debe ter tamén a xenerosidade para aprazar as continxencias partidarias. Sen organizacións-guía, sen bandeira. Somos cada un d@s falantes quen xa nunca imos permitir que nos leven de volta ao gueto.

4,6/5 (48 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións