Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Buscar alternativas a todos os Berlusconi

20:13 15/05/2009

Nas últimas décadas na maior parte das sociedades occidentais creceron as desigualdades sociais, cunha crecente redución das clases medias e unha ampliación na base de sectores de poboación cada vez con menos recursos.

Hai unha amplísima documentación que pode apoiar este punto de vista pero vou facer referencia a dous datos extraídos dun interesante libro que leva por título ”Menos es más”, de Nicolas Ridoux, un defensor da filosofía do decrecemento, e que dan que pensar: un, que a riqueza dun país medida en termo do PIB non supón unha mellora do conxunto da poboación senón que depende de como se distribúa; así, en Francia o PIB entre 1980 e 2006 crece un 156%, nese mesmo período o paro crece un 50%; outra, en EEUU, en 1974, a renda media dos 10 empresarios mellor pagados era 47 veces superior ao salario medio dun obreiro da industria do automóbil pero en 1999 equivalía a 2381 veces ese salario.

Ese crecemento das desigualdades prodúcese nunhas décadas de crecemento económico, é dicir antes da crise. Nas décadas dos 40 aos 70, tamén se produce un importante crecemento económico ano tras ano que, non obstante, dá lugar a unha ampliación das clases medias - aínda manténdose as desigualdades redúcense considerablemente grazas a políticas fiscais de redistribución e a políticas públicas de benestar. Coa xeneralización das políticas neolibeais dende os 80 o proceso de acumulación de capital increméntase sustancialmente ata provocar a propia crise do sistema.
Con todo, o mundo nestas décadas entrou nun proceso de cambio múltiple cuxas consecuencias están por ver, pero na que vai ser imposible volver a niveis de consume anteriores similares. Algunhas políticas públicas poden amortecer os efectos da crise, non entanto, penso que vai ser imprescindible adoptar algunhas medidas que se están a propoñer dende as teorías do decrecemento. Deberían tomarse moi en serio e empezar a aplicalas aquí, en Galicia, en diversos sectores, en particular, no agrario: poderiamos colocarnos nunha posición de vantaxe comparativa. É necesario que a esquerda as asuma con decisión e se comprometa niso.

Se dende a esquerda non se é capaz de formular alternativas nun contexto de transición e ir producindo un cambio de mentalidade nos podemos atopar nunha situación na que os formulación neoliberais rexurdan de novo con ímpeto, adoptando a súa cara máis desagradable e esténdanse personaxes como Berlusconi que utilizarán a inseguridade e o temor para dominar a poboación, creando os chivos expiatorios necesarios. Primeiro, como fixo xa, e que mereceu unha forte recriminación por parte do presidente da República Giorgio Napolitano, coa aprobación urxente dunha lei intolerante e xenófoba que fai da diferenza étnico-relixiosa un factor de exclusión. Non quedará aí. Se lle dan tempo e oportunidade converterá os parados en materia de exclusión, nunha clase perigosa, en elementos antisociais. Unha vergoña para Europa, non digamos xa para Italia. Mentres tanto a mafia, fenómeno sureño, estende os seus tentáculos ao norte.

4,31/5 (13 votos)



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións