Máis que "man invisible" que autorregula o mercado parece que nos atopamos ante un "burato negro" do capitalismo cun campo gravitatorio no que o diñeiro, sexa ien, euro,(particula) ou dólar (enerxía) non pode escapar a esa forza. Aínda que absorbe diñeiro de forma continua, ás veces faino abruptamente. Non coñecemos como funciona, só podemos coñecer a cantidade polo seu reflexo, é dicir, polo diñeiro que inxectan os Bancos Centrais e os gobernos no sistema financeiro. É o burato negro da democracia.
A pesar dos extraordinarios avances científicos dos últimos cen anos somos incapaces de penetrar nesa característica básica do sistema financeiro que é a "opacidade" e que perverte o propio sentido da "democracia". ¿Non segue sendo un misterio impenetrable que se esfume -entre o que achegan uns e outros e se sae o plan de Bush adiante co permiso de McCain-, un billón de dólares mentres, como comentaba recentemente nun artigo Vidal Beneyto (El País, 20 de setembro de 2008), unha grande parte da poboación dos países en desenvolvemento intenta sobrevivir con un ou dous dólares diarios e necesita catro ou cinco horas para buscar a súa porción cotiá de auga? E no propio Estados Unidos, ¿como é posible -como veñen indicando diversos estudios- que por primeira vez en cen anos o proceso de mobilidade social sexa descendente?
Regulación e transparencia
Moitas voces que se escoitan estes días achácano a unha falta de regulación global do capitalismo financeiro. Ata o propio Bush argumenta -para que aproben o seu Plan de Rescate-, que o mercado non esta funcionando correctamente, que se perdeu a confianza, que os principais sectores están en perigo e poden crebar máis bancos. SarKozy afirma que "le laissez faise, c´est fini," e que hai que refundar o capitalismo sobre bases éticas, as do esforzo e o traballo (as do capitalismo calvinista que describira Max Weber fronte ao capitalismo suntuoso que logo analizara Veblen) e reivindica a "lexitimidade" dos poderes públicos para intervir na regulación do sistema financeiro.
Seguramente moitos esteamos de acordo na necesidade de establecer regulacións do capital financeiro. Pero, ¿é suficiente?. De todos esas entidades que se afundiron (Lehman Brothers, AIG, etc, Fannie Mae e Freddie Mac, que controlaban 12 billóns de créditos en EE.UU., eran entidades de patrocino público creadas nos anos 30 e 70 para facilitar o acceso á vivenda; moitos outros casos, entre eles, os de entidades que creban días despois de ter unha auditoria favorable, etc, poñen de relevo que de pouco serve a regulación se os gobernos e os organismos internacionais fan renuncia das funcións atribuídas que teñan de control e se non se crean as condicións necesarias para a existencia dun sistema transparente... en definitiva, perdas xigantescas que remataremos de pagar os contribuíntes, miles de individuos ao paro e moitos que viven con agonía a situación por temor á perda do seu emprego e nin un só responsable (de todos os que se enriqueceron a conta diso).
Unha dereita española sen ambigüidades
Se dirixentes como Sarkozy e Bush, para conseguir os seus propósitos, son capaces de modificar o seu discurso neoliberal, facendo un aceno aos seus electorados e á cidadanía en xeral, aquí, temos mellor sorte e así a nosa dereita económica e a nosa dereita política, sen ningún rubor e imperturbables, dinnos sen ambigüidades o que pensan: que a culpa a teñen os/as traballadores/as, por gozar de tan benignas condicións laborais e mellores salarios. Vexamos: O presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, esixe flexibilizar o mercado laboral para saír da crise, o presidente do PP, Mariano Rajoy, gaba a reforma laboral de Aznar en 1997 que abaratou o despedimento, a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, privatiza a Canle de Isabel I - que obtivo 80 millóns de beneficio-, porque -di o PP de Madrid- a baixa produtividade do sector público lastra a produtividade global da nosa economía. E para redondear o presidente do Banco de España, Fernández Ordóñez, pide moderar os soldos para saír da crise.
Díxoo recentemente Naome Klein nun artigo publicado en The Guardian (tradución en castelán en "rebelión.org"): "A ideoloxía de libre mercado volverá con toda a súa forza... cando se rescate os especuladores dende o ámbito público. Que dará lugar a unha crise presupostaría... xustificarán a necesidade de establecer recortes en programas sociais así como un novo ímpeto para privatizar o que queda do sector público".
Sarkozy propuxo no seu país, como medida contra a crise, acelerar as reformas que ten previstas. Inspírase na "terceira vía" que o laborismo aplicou en Gran Bretaña. O proxecto para Europa desa “terceira vía” está formulado por Anthony Giddens no seu libro "Europa na era global". Aí atoparemos unha nova argumentación das medidas neoliberais que se queren impoñer, baixo a fórmula de ¡novos dereitos!, como o da xornada das 65 horas. Non obstante, para moitos outros, entre eles o financeiro e actualmente filántropo, George Sores, o sistema actual está a tocar ao seu fin. Se é asi, ¿Servirá a crise como oportunidade para formular un modelo alternativo?. ¿Un modelo máis xusto que asuma o reto ecolóxico e enerxético?
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.