Coma se non pasase nada nos últimos tempos o neoliberalismo segue engominado coma se a crise económica e social non tivese nada que ver coas súas formulacións. O apoio dalgúns senadores republicanos obrigou a Obama a sacrificar algunhas partidas destinadas á construción de escolas (16.000 millóns de dólares menos) e recortar drasticamente os subsidios de saúde para desempregados. Recortes todos eles que foron engrosar o 35% dos 611.580 millóns de euros, destinados a unha rebaixa fiscal.
As rebaixas fiscais e redución de impostos segue sendo un dos principais obxectivos das políticas neoliberais. E así se fai constar no programa que presenta o PP ás eleccións galegas do 1 de marzo, no seu apartado económico, como medida anticrise, de revitalización económica para favorecer o mantemento e creación de empresas.
Populista e neoliberal
Maila a súa importancia, apenas ocupa algunhas liñas dentro dun amplo programa no que usa unha extensa terminoloxía moderna, ecoloxista e social. Crecemento sostible, protección do medioambiente, etc, pero nin unha soa palabra sobre o "Plan Acuícola" aprobado polo bipartito, no seu lugar, unha promesa de creación de novas instalacións de acuicultura ou de impulso á modificación da lei de costas, ¡que xustifica para protexer os núcleos tradicionais!. (E mentres a Comisión Europea aproba un durísimo informe contra os desmans urbanísticos cometidos en España)
No plano social promete o recoñecemento de novos dereitos subxectivos e aumentar o gasto social destinado ao apoio ás familias. Promesas, moitas das cales, esconden enormes contradicións e que son, a miúdo, unha concesión ao populismo, cun programa económico que nas súas liñas mestras é de corte neoliberal. Así, propón no punto 1.5. titulado "Políticas de redución das cargas fiscais persoais e empresariais" entre outras medidas "utilizar os instrumentos tributarios de autogoberno para favorecer a creación de empresas, actuando sobre os seguintes tributos: Imposto de Sucesión e Doazóns; no tramo autonómico do IRPF; Imposto de Trasmisiones Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados ".
Redistribuír, ¿a favor de quen?
A maiores - din no texto- instaron, a través do Grupo Parlamentario do PP en Madrid, substituír as cotizacións á seguridade social por un ¡ IVE social!, o que suporía maiores impostos indirectos claramente regresivos (non teñen en conta o nivel de ingresos de cada cidadán) e que foi rexeitado polos deputados socialistas e nacionalistas galegos.
¿Esas reducións terán consecuencias nos investimentos en educación, en sanidade, nos programas de apoio ás familias, etc?. ¿É a Comunidade de Madrid o modelo a seguir do PP galego?.
No fondo seguimos coa idea de que as mesmas políticas que xeraron a crise, nas súas distintas variantes, poden servir para solucionala. Non obstante, como dicía A. Einstein, non podemos resolver problemas pensando do mesmo xeito que cando os creamos.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.