Resulta curioso que un dos factores que máis contribuíu á decadencia da familia tradicional e á aparición e extensión de novas formas de familia sexa -xunto a outros cambios nas condicións de vida- a tendencia á desregulación e flexibilización nas relacións laborais que nos van impoñendo.
A esixencia dunha maior mobilidade laboral, empregos precarios e horarios dispares, traballos ocasionais con remuneracións baixas, cambios de traballo e a miúdo de lugar, traballos ilícitos, etc,son unha serie de situacións laborais que menoscaban os vínculos sociais. Se engadimos os/as dos/ás parados/as, co efecto negativo sobre a saúde física e mental, a perda gradual de esperanza de conseguir emprego e os seus efectos sobre as relacións sociais, estamos ante un panorama que pouco contribúe á creación dunha familia e que fai máis complexa a súa conservación.
Esta dinámica do capitalismo contradí as aspiracións das formulacións conservadoras. A miúdo empregamos como similares os termos "conservador" e "neoliberal" e aínda que conviven no mesmo marco ideolóxico, a miúdo, as súas aplicacións son non só contraditorias senón "autodestrutivas".
Aínda que o PP e a Igrexa Católica coinciden moi frecuentemente na defensa da familia - modelo tradicional e patriarcal- e a Igrexa cale despois sobre propostas do PP en materia de relacións laborais que prexudican a existencia dese propio modelo familiar, está a traizoar os seus propios fundamentos sobre a idea de familia. Aí a Igrexa - se fose coherente- debería rebelarse contra o PP e denunciar as súas medidas. Non o fai porque o PP é o seu principal instrumento político para manter os seus privilexios. E o encargado de exercer esa disciplina ao día de hoxe é o arcebispo Sr. Rouco Varela.
Deixando a un lado algúns sectores de base da Igrexa que teñen unha orientación progresista e nada cómplice co PP e que desenvolven un magnifico traballo social, poucos dende a Xerarquía Eclesiástica se atreven a denunciar as medidas neoliberais que propugna a dereita.
Entre esas raras excepcións é de sinalar a pastoral do cardeal de Sevilla, Carlos Amigo Vallejo, que con motivo do 1º de maio destaca que "a excesiva flexibilidade do traballo pon serias dificultades á plena realización do home na súa actividade diaria e fai case imposible unha aceptable vida familiar". Polo desacostumados que nos ten este tipo de declaracións por parte dun importante membro da Xerarquía Católica, merece o noso recoñecemento.
Xa me gustaría como galego, -e non por ser crente que non o son, polo menos diso- que o arcebispo Julián Barrio- dixese algo parecido sen temor. Certo que tería aos de Libertad Digital e outros baduando contra el, como fixeron cunhas declaracións súas mornas sobre os gays. Pola influencia social que aínda ten e por mostrar, aínda que sexa unha vez con claridade, que esta máis cerca dos humildes que dos poderosos, moitos crentes e non crentes, agradeceriámosllo.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.