Igual que noutros ámbitos, de cando en vez, óense voces que reclaman unha maior liberdade de elección na escola, voces que adquiren maior ou menor volume dependendo da circunstancia política do momento.
Entendendo a lóxica de mercado como liberdade de elección do consumidor queren aplicala a ámbitos non mercantís, como a escola, demandan así liberdade a que os seus fillos reciban as clases no idioma que os pais consideren, liberdade para a elección de centro ou, tamén como vemos ultimamente, liberdade para que os seus fillos sexan educados segregándoos por sexo.
En definitiva, apelan á liberdade pero, a que liberdade?. Tamén as organizacións empresariais reclaman a redución ou eliminación das regulacións laborais. Moitos outros grupos e individuos levantan a bandeira da liberdade para poder realizar infinidade de demandas, moitas das cales o que perseguen é eliminar trabas para explotar e maltratar os demais.
Digamos que ese tipo de liberdade que reclaman é a que Isaac Berlín denominou liberdade negativa: ausencia ou carencia de impedimentos e obstáculos, incluíndo os de coerción. E o límite da cal habería de situarse en todo caso, seguindo a J.S. Mill, en non interferir na liberdade dos demais.
Pero habería algo máis que considerar? Pois si. E desde o propio pensamento liberal que moitos deles reclaman. En primeiro lugar a xustiza, que impón restricións e xustifica que o Estado invada o ámbito privado. Algúns autores, como o propio Mills, defende unha educación pública para todos ou leis que acaben coas relacións desiguais ente os sexos, considerando tal desigualdade un obstáculo para a humanidade.
En segundo lugar, a xustiza debe entenderse como equidade e esta é a formulación doutro liberal, de John Rawls (1921-2002), para quen sen equidade non hai xustiza. As desigualdades sociais e económicas deben resolverse aplicando o principio, a calquera medida, de forma que esta resulte "o maior beneficio dos membros menos avantaxados da sociedade". A liberdade negativa, pois, esta supeditada á liberdade positiva que esixe para o seu despregamento dispoñer das condicións materiais necesarias.
Así esa liberdade de elección que se reclama, en palabras de Xavier Bonal i Sarró (UAB), só é aceptable "se non prexudica as oportunidades dos menos favorecidos". Entrementres, hai que establecer un límite á liberdade de elección" para que os que están peor maximicen a súa posición respecto doutros escenarios posibles".
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.