Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Postdemocracia e eleccións

12:15 26/02/2008

Unha das características das democracias actuais (ás que Colin Crouch denomina baixo o termo postdemocracia) é a globalización dos intereses empresariais fronte á fragmentación dos intereses dos cidadáns. A capacidade de presión dos grupos empresariais é moi alta, contan con enormes cantidades de diñeiro para lograr os seus obxectivos e ameazan os gobernos se non atenden as súas peticións. Condicionan e determinan, a miúdo, a axenda pública.

Paralelamente a este proceso sectores da cidadanía fóronse desprazando ao ámbito dos movementos sociais en pro de causas concretas á vez que van desestimando a participación política electoral e aumentando a súa desconfianza cara aos partidos tradicionais, particularmente, no ámbito ideolóxico da esquerda, máis críticos e desconfiados. Á súa vez, os partidos de esquerda cando gobernan recean das actuacións destes grupos e aumenta a espiral de desconfianza mutua (Tal como sucedeu hai uns días coa manifestación de Galiza non se vende e as respostas de membros do goberno bipartito e de dirixentes de partidos que apoian o devandito goberno sobre a manifestación).

A desilusión, a frustación -cando non o aburrimento- e o aumento da desconfianza cara á política vaise apoderando de sectores cada vez maiores da poboación e afecta á participación, principalmente os prexudicados son os partidos de esquerda, segundo puxeron de relevo a grande maioría dos estudos electorais que se realizaron en España, aínda que o fenómeno é común á grande maioría das democracias do noso ámbito.

Intereses minoritarios e acción colectiva

A percepción de que os intereses de minorías poderosas contan máis que os intereses do conxunto da cidadanía (por outro lado de grande heteroxeneidade social) fai que diminúa o interese no proceso político e non se acuda a votar pero desta forma o que facemos é colocar os partidos de esquerda en posicións de debilidade ante os grandes intereses. O activismo dos movementos sociais non pode desprezar a importancia da participación electoral sen que iso supoña renunciar a outras formas de participación política non electoral e a esixir aos gobernantes que favorezan a deliberación cidadá fomentando institucións intermedias e espazos públicos de debate que garantan unha participación real e efectiva.

É contraditorio -baixo o meu punto de vista- realizar unha activa participación política que permita influír puntualmente en decisións dos gobernos e renunciar, non obstante, a influír a través do voto na política institucional, permitindo - e non é retórica-, coa abstención, que a dereita gañe as eleccións. Máis alá das similitudes e coincidencias que poida haber entre os programas dos partidos que compiten con distinta orientación ideolóxica - as campañas, a miúdo, tratan de resaltar diferenzas programáticas cando son parecidas á vez que ocultalas cando son radicalmente distintas- existen, aínda, importantes diferenzas baseadas en concepcións distintas sobre a sociedade e o poder.

Vitimización ou responsabilidade
Para a dereita, especialmente, esta dereita neocon, o seu principal obxectivo é a defensa do mercado que leva consigo a redución do papel do Estado á súa mínima expresión mediante a privatización (inclúe pensións, sanidade, educación- a Comunidade de Madrid é hoxe o seu modelo a seguir); a esquerda, a pesar dalgunhas concesións, mantén a defensa do papel do Estado como elemento esencial para o benestar social, mantén e desenvolve o sistema de protección social e a creación de novos dereitos de cidadanía e dereitos territoriais (reformas estatutarias, reforma da Constitución, reforma do Senado).

Todos temos algo que ver na construción do presente e na configuración do futuro; todos temos a nosa responsabilidade, a vitimización delega esa responsabilidade individual cara a outros. É necesario participar, tamén co noso voto. Votemos nas próximas eleccións opcións de esquerda. Tempo haberá de exercer a crítica construtiva.

4,65/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións