A vitoria clara de Zapatero e o PSOE nas pasadas eleccións xunto ao crecemento (lixeiro) e mantemento dos dous escanos do BNG despexan o horizonte das próximas autonómicas en Galicia e abren unha etapa con grandes posibilidades.
Como foi acontecendo na grande maioría das convocatorias a eleccións xerais - e de forma progresiva, a competencia entre partidos estivo marcada por unha forte polarización bipartidista entre PP e PSOE, ata ao punto, nesta ocasión, de que o resto de forzas políticas parlamentarias sufriron as consecuencias negativas, quizais máis que ningunha outra IU (ademais, enormemente prexudicada polo sistema electoral) Só CIU e BNG resisten. Aínda que a perda de votos e escanos dalgúns partidos non pode atribuírse por completo a este fenómeno, véxase as declaracións de Carod Rovira en La Vanguardia (do día 11), se ten o seu impacto nos resultados.
En Galicia (aínda que non só nesta comunidade), en particular, isto reflíctese, polo menos, en dous indicadores: taxas de participación máis altas e mellores resultados do PSOE en eleccións xerais que en eleccións autonómicas.
Nestas eleccións, todo parece indicar (haberá que esperar aos estudios postelectorais para unha análise detallada) que o PSOE agrupou o voto de esquerda no Estado e o PP, a pesar do seu discurso catastrofista e da exclusión de Gallardón en Madrid, obtivo unha importante bolsa de votos de centro (Belén Barreiro, El Pais, 11 de marzo). En Galicia, non obstante, todo parece indicar que o pequeno aumento de voto do PSOE, en relación a 2004, provén de transvasamento do PP. Este partido vén descendendo paulatinamente en Galicia, aínda que consegue manterse como primeira forza. Non obstante, en procesos de eleccións xerais anteriores (dende 1993), incluíndo 2004, o voto que veu recibindo o PSOE, en eleccións xerais, nútrese de importantes bolsas de votantes -nas autonómicas- do BNG.
¿Extrapolar os datos das xerais ás autonómicas?
Aínda que, por dicilo así, todos os procesos electorais (autonómicos, locais, xerais, ...) teñen vasos comunicantes entre si, cada un ten a súa propia clave. De aquí que extrapolar os resultados dun proceso a outro mecanicamente induce a erro: o BNG tende a recuperar parte do voto que en eleccións xerais vai ao PSOE. Non cabe dúbida de que a derrota "dóce" de Rajoy -"agre" en Galicia- e a vitoria de Zapatero, que volverá repetir como Presidente de Goberno, facilitará un triunfo en Galicia de Touriño e o PSdeG pero o BNG está, tamén, en condicións de competir porque se fixo necesario en Madrid. Zapatero non está en situación para perder de vista ao BNG. En certo sentido a vantaxe de Touriño ao contar cun Presidente de Goberno do seu propio partido, parcialmente, vese neutralizada polos dous deputados en Cortes do BNG.
Sen perder de vista o PP, a hipotética crise a nivel estatal manterase oculta polo empeño de Rajoy de continuar, presentándose como candidato no próximo Congreso de xuño, amortecerá a crise do PPdeG. A vantaxe do bipartito (PSdeG e BNG) para as próximas eleccións autonómicas é clara, pero non só dependerá destes factores, senón da súa propia política e xestión de goberno, da súa capacidade, e da percepción dos cidadáns sobre as realizacións deste goberno. E queda pouco máis dun ano.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.