Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (30)

O proxecto de intervención da SIDA

Moitos médicos tanto na sanidade pública como (sobre todo) na privada néganse a atender a persoas seropositivas. Escribe María Reimóndez.

María Reimóndez - 12:20 24/08/2008
Tags:

Innovación
O martes temos visita á universidade. Nos últimos tres anos do proxecto PDI colaborou co Centro de Estudos das Mulleres da Bharathidasan University de Tiruchy para elaborar unha serie de estudos relativos á situación das mulleres nos suburbios do proxecto. Para min son este tipo de aspectos os que fan o proxecto de desenvolvemento urbano algo tan especial e innovador. Os estudos permitíronnos coñecer mellor os problemas, colaborar coa comunidade científica e deste xeito manexar mellor as intervencións.

Manimekalai foi a encargada de coordinar os estudos, que levaron a cabo as súas investigadoras e alumnado. Hoxe presenta os resultados combinados dos tres estudos (a situación das mulleres nos suburbios, as condicións de traballo das mulleres nos suburbios e as percepcións de xénero). Os estudos ían parellos ao avance das intervencións e resultou gratificante comprobar que o último puxo de manifesto que, malia á persistencia de estereotipos de xénero, por suposto, a poboación dos suburbios amosaba menos prexuízos de xénero que outros colectivos de clase social máis alta, o cal despois de catro anos de traballo sobre o tema resulta gratificante podelo demostrar.

Seropositivas
Cando sentamos na oficina de Bobby sei que esta vai ser unha das partes máis duras da visita para as integrantes do Vanakkam. Bobby coordina o proxecto de intervención da SIDA, que acaba de comezar a súa terceira fase, na cal se centra na atención ás persoas seropositivas, sobre todo dende o punto de vista médico. Algunhas e algúns dos seus beneficiarios, entre eles unha nena e un neno, sentan na oficina e falan da súa situación. A mai dos meniños conta como só soubo da SIDA cando o seu home ingresou xa en fase terminal e lles fixeron a proba ao resto da familia. Por desgraza, tanto ela coma as crianzas están infectadas.

O proxecto está tan mal deseñado (o deseño é imposto por USAID, cousa que xa deu problemas en anos anteriores) que contempla só actuacións moi limitadas que non cobren as necesidades reais das persoas beneficiarias. Así que o persoal de PDI e persoas que simpatizan coa organización, como xa fixeron en fases anteriores, sufragan cos seus propios cartos por exemplo paquetes nutricionais para as nenas e nenos seropositivos. Ademais, o proxecto ten que enfrontarse a outras dificultades, como que haxa moitos médicos tanto na sanidade pública como (sobre todo) na privada que directamente se negan a atender a persoas seropositivas. Como di Bobby, non ha ser por ignorancia das vías de transmisión da enfermidade. Ás veces o coñecemento non o cura todo, cómpre ter tamén humanidade.

Aparentemente un día máis
Estou escribindo sen ser consciente de que nun par de horas marcho a Karaikal, escoitando cancións de Dhul (a película tamil que vin o domingo pasado no bus dende Madurai), Gurage (música tradicional etíope) e Xabier Díaz. Como se fose un día máis. Pero en realidade non o é. Porque sei que hoxe comeza o repregar as velas, comeza o camiño marcha atrás, primeiro a Karaikal con parada en Thanjavur para que as rapazas vexan o templo e logo a partir de aí o camiño de volta a Chennai e de Chennai a Vigo. Se cadra é un mecanismo que procura non facerme ver o abismo que onte se me presentaba ante os ollos durante a xuntanza final co persoal de Tiruchy, a xuntanza para comentar e aclarar cuestións sobre o novo proxecto que comeza, sobre as tarefas de supervisión do proxecto xa rematado.

O abismo que di que se cadra pasarán dous anos ata que regrese porque o ano que vén preciso botar tempo en Etiopía e o resto do ano debo tratar de reducir a miña sobrecarga de traballo que supera por momentos o humanamente soportable. A pregunta é: serei capaz? Algo dentro de min pídeme a berros unha pausa por razóns que son demasiado longas de explicar neste momento. Outra parte de min tírame sempre cara ao regreso, cara á proximidade (que nunca perdo) con esta terra, miña terra tamén. Penso ante as caras consternadas das traballadoras (dous anos??!!) que o traballo seguirá aquí cando volva e que eu, como o resto de seres humanos, tamén de cando en vez, preciso descansar e recuperarme. Ábrese esta dúbida a partir de hoxe como unha sombra.



Crónicas anteriores:


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: