Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (27)

Funcionariado

Hai persoas ás que non lles cabe na cabeza que haxa persoas capaces de antepoñer o que cren xusto e o benestar das persoas desfavorecidas aos seus ingresos e posición. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 10:20 21/08/2008
Tags:

Funcionariado-1
Cando chego á casa despois de visitar ademais do grupo de aforro a unha beneficiaria de crédito que recibiu cartos para ampliar o seu salón de beleza (estamos hoxe de monotema) atopo a Ambal amolado. El non tivo que pasar polos rituais da beleza, está claro, pero algo lle tivo que pasar. Hoxe tivo que ir a facenda e non é que lle requirisen algún papel, que a todo o mundo lle amargan a vida os contactos con facenda, senón que a cousa foi moito máis insultante e persoal.

Resulta que todos os anos teñen que levar todos os documentos físicos da contabilidade a facenda (para o cal precisan alugar unha furgoneta) para que os cotexen (isto é unha postdata tamén para todas aquelas persoas que preguntan que pasa cos seus cartos, non é só que os nosos gobernos ricos miren cada peso que vai aos pobres negros que xa se sabe que están aí para roubar senón que os gobernos dos propios países fiscalizan como se pode ver o traballo das organizacións con bastante lupa). Mentres agarda a que lle dean entrada a todo o material un funcionario dedícase a facerlle comentarios e preguntas ás que Ambal se abstén de contestar por insultantes entre as cales destacan que el (o funcionario) está seguro de que Ambal debe facer moitos cartos coa organización porque se non el non o entende. Tendo familia da que encargarse, a que vén prestarlle atención aos pobres? Ademais agora os pobres (enténdase as persoas de casta baixa) xa teñen de todo, imaxine (dille o funcionario) que o fillo do meu chofer estuda enxeñería igual có meu! Onde se viu iso! Teñen axudas para todo (os moi desgraciados), cotas na administración...

Ambal non lle contesta pero a irritación sáelle polas orellas cando mo conta. Tamén a frustración por estas actitudes. A min a frustración pásame máis a cabreo dado que precisamente Ambal non cobra por facer o seu traballo (si, non cobra un salario, só uns honorarios que son inferiores ao salario das coordinadoras dos proxectos por facer o seguimento) e vive dos traballos que lle saen de consultor doutras organizacións. Nos últimos meses non tivo traballo, non puido contribuír un peso á súa familia (que mantén case en exclusiva Manimekalai) e ante este panorama aínda por riba ter que escoitar a ese tal funcionario.

Está claro que hai persoas ás que non lles cabe na cabeza, polas súas propias limitacións como seres humanos preocupados só por si mesmos e polos cartos e posición social, que haxa persoas capaces de antepoñer o que cren xusto e o benestar das persoas desfavorecidas aos seus ingresos e posición. Ambal non fai as cousas para que llas agradezan, obviamente, nin conta se cobra ou non, pero aturar ese tipo de comentarios é insultante. O que facemos merece polo menos un respecto. Polo que a min respecta o funcionario e resto de persoas da súa clase poden seguir engordando aos seus fillos e contas bancarias, nós temos outras cousas que facer. E canto máis lonxe de min, mellor... para el, porque eu non teño a paciencia de Ambal para certos comportamentos.

Funcionariado-2
A miña falta de paciencia para certos comportamentos queda empiricamente demostrada cando imos á oficina de correos cambiar cartos. Semella que estes días temos unha sección de funcionariado bastante fina. E que conste que non teño nada en contra do funcionariado. Pero cando entramos na oficina de correos para cambiar cartos no Western Union a miña alarma de carraxe actívase á primeira.

Caroline achégase á mesa da funcionaria a preguntarlle se aí se poden cambiar cartos, cousa que oio e entendo perfectamente. A muller, sen contestarlle ao que pregunta e mirándolle a penas para a cara un segundo (abondo para rexistrar: cara negra, sari barato, clase baixa) dille con moi malas maneiras que sente e que cubra o papel cando lle toque. Non me gustou, abofé. Pero imos darlle outra oportunidade. Así que collemos o papel e comezamos a cubrir. Necesitamos saber se hai algún límite de cartos (para cambiar os cartos de todas só unha persoa) e tamén a taxa da cambio. Desta vez vai preguntar Gayalakshmi (xa lle digo que teña coidado que a muller morde, ela bota unha gargallada e vai igual). Contestación igual de maleducada que indica que non nos pode dar a taxa de cambio. Así que cando nos toca a vez sen mediar palabra xa a carraxe (que me funciona así con frecuencia, como unha pota fervendo que tira a tapa) fai que me levante como cun resorte e lle indique á señora en cuestión que necesitamos saber a taxa de cambio, ao cal me contesta (a miña cara á máis branca e falo inglés, non é exactamente educada comigo pero modérase) que non poden dar a taxa de cambio, que iso se fai ao recoller os cartos e que “cal é o meu problema”. Explícolle novamente, ao que me di escandalizada que alá non se cambian cartos, e amoesta en tamil a Gayalakshmi e Caroline, interacción que interrompo ipso facto para indicarlle que se tivese a educación de escoitar cando a xente lle fala tería contestado á pregunta de Caroline sobre se alá se cambiaban cartos. A funcionaria insiste en dicir que non lle preguntaron tal e en berrarlles novamente ás dúas compañeiras. Cousa que novamente interrompo para dicirlle que primeiro fale con educación e que segundo non ten razón e nos fixo perder o noso tempo, que para a próxima vez lle recomendo tratar á xente con respecto e escoitar ao que lle preguntan.

Sen mediar máis palabras dámos a volta e saímos. Ás veces dou grazas de non ter poderes sobre as treboadas porque coa electricidade que me entra aínda lle había de caer un lóstrego a máis de unha. Se hai algo que non tolero na vida é que alguén que pensa estar nunha situación de poder a use para maltratar, abusar ou ser simplemente maleducada coas demais, sobre todo cando é alguén que está facendo un servizo público. Insistindo: nin aquí, nin alá nin en ningunha parte. A carraxe faime saltar a tapa da pota (con educación, iso si, pero a boca non ma fan calar), as persoas non nacen para que as pisen e como mínimo iso ten que quedar claro.



Crónicas anteriores:


2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: