Co constante mazar dunha mensaxe moi básica: as mulleres somos seres humanos e é hora de que este feito se recoñeza en toda a súa extensión. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.
As palabras e os actos
Na cara de Rajeshi nótase que non pode falar. Iso si, sorrí coa súa meniña de 6 meses nos brazos pero toda a familia a rodea. E sabemos que a súa sogra segue insistindo en que dea a nena en adopción. Só que agora non é tan doado romper a súa vontade. Só que agora o persoal do proxecto traballa tamén co resto da familia e reforza o que Rajeshi fala coas súas palabras e cos seus actos, abrazando a súa filla, a terceira, decidida tamén a deixar de parir e poder darlles ás súas fillas unha boa educación. Confío en que o consiga, espero que sexa capaz.
Romperlles as costas
Cando chego ao hotel ao final do día síntome profundamente triste. Realmente vexo como lles rompen as costas ás mulleres cada día. Como rompen a súa estabilidade emocional, o seu afecto polas súas fillas, como as desprezan dende que nacen, como baten nelas día si e día tamén cos insultos, coas risas, cos rexoubes. Ata que non poden máis. A min párteseme a alma, pero non as costas. Porque ver o seu padecemento dáme máis gana de resistir. Non podo evitalo, son así. Se me atas un peso ao pescozo, o meu impulso é nadar con máis forza. Tamén me canso, claro, pero este non é o momento. Porque a miña tristeza tampouco me oculta os cambios, non me oculta a importancia do que estamos facendo.
Do valor das nosas traballadoras, tamén mulleres, tamén perseguidas e insultadas, resistentes. Porque o noso traballo é estar aí para curar as feridas, para reforzar as vontades das mulleres, para poñernos no medio da vara e que non as toquen máis os insultos absurdos e máis desprezos. Nin ás mais nin ás nenas. E é bo que non sexa unha forza da natureza porque ao oír as palabras de certas mulleres estes días tería comezado un lume na súa contorna e feito cinsas todo o que as rodeaba. No canto diso, loitamos con medidas máis realistas, co constante mazar dunha mensaxe moi básica: as mulleres somos seres humanos e é hora de que este feito se recoñeza en toda a súa extensión.
Resumo dos feitos
O xoves pola mañá sento na oficina primeiro con Ambal para debater o visto, o recollido, o avaliado e poñer por escrito o futuro desexable. Sento cos datos, formularios, avaliacións, o informe de desenvolvemento humano de Tamil Nadu e o ánimo para preparar a proposta de segundo ano de proxecto na que poidamos incluír a continuidade do programa e a súa ampliación coa creación de grupos de aforro, alfabetización, capacitación laboral e un programa de capacidades para a vida para nenas e mozas, que obviamente no entorno no que crecen, onde dende o momento de nacer xa lles sinalan a súa deficiencia, precisan de apoios para mellorar a súa autopercepción e autoestima, primeiro paso para loitar por continuar na educación, para opoñerse a que lles impoñan decisións de por vida.
Esta visita e todo o que os datos e as mulleres contan, tamén os debates en grupo (neste proxecto máis limitados polos problemas de clandestinidade da práctica) teñen que entrar nos pequenos espazos do formulario. Un exemplo, 1900 caracteres para explicar por que poñer en marcha un proxecto coma este: empezamos pola CEDAW, seguimos polos Obxectivos do Milenio, continuamos polo Informe do IDH de Tamil Nadu, seguimos pola análise das aldeas que inclúe percepcións de xénero, aspectos económicos, de saúde, de educación... non é un pouco... POUCO?
Todo isto para que unha señora ou señor da entidade que toca non teña que pasar moito do seu tempo ben remunerado lendo papeis para poder considerar se un proxecto paga a pena, está ben formulado e vai ter un bo impacto. O que importa é que entre en 1900 caracteres e que por suposto se faga segundo a (i)lóxica da entidade que financia (a quen, non o perdades, hai que explicarlle cousas como como encaixa este proxecto na SÚA estratexia, para iso tamén dan 1900 caracteres... non o deberían saber eles se lles encaixa ou non?). Despois, claro, poden argumentar que non falaches de x e de p, cousa humanamente imposible no espazo proporcionado (que ao ser un formulario web neste caso non pode alterarse). Supero os meus cabreos habituais e continúo redactando coa enerxía das mulleres na punta dos dedos e en cada unha das miñas neuronas.
Boas novas
Despois de comer toca regresar a Tiruchy, semella incrible que en dous días vaian estar aquí xa as seis participantes no ciclo formativo do Vanakkam deste ano. Cando chego de volta á casa, despois dunhas catro horas de viaxe, hai boas novas no correo! Vicepresidencia concedeunos unha ampliación para o proxecto de Salem (presentamos unha proposta o mes pasado ante a convocatoria realizada a través da coordinadora de ONGs), o cal quere dicir que a mai de Venilla non vai ter que agardar, podemos comezar xa a formar os grupos de aforro, dar capacitación laboral e apoio ás rapazas. Seguimos coa incerteza do ano que vén e traballando na proposta pero polo menos poderemos comezar dende xa o proceso máis integral de apoio ás mulleres, non só no psicolóxico senón tamén no social e económico. Á fin, boas novas, abofé.
Crónicas anteriores: