Veu á casa da mai para o parto, cousa que logo nesta zona adoita ser unha escusa para desfacerse da nena. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.
Fóra
Chitra senta na aira, onde outras mulleres e algún home andan facendo corda con fibra de coco, unha actividade habitual en Tharamangalam e grazas á cal malviven miles de persoas, habitualmente nas mans da usura, que cobra pola materia prima e deixa un beneficio irrisorio.
Esta é tamén unha das “industrias” que máis nenas acolle e tamén que máis promove o chamado traballo en depósito (unha forma de pagar as débedas con man de obra, normalmente infantil, unha forma de escravitude recoñecida como tal polos organismos internacionais e nacionais competentes). Chitra ten tres fillas e acaba de parir unha máis, prematura. Explica que está na casa da súa mai (onde vive nunha pequena choupana) porque veu para o parto, cousa que sabemos que só acontece coa primeira filla ou fillo, e que logo nesta zona adoita ser unha escusa ou ben para desfacerse da nena ou ben para agochar outros problemas.
Chitra leva en seguimento dende o embarazo e admite que non tiña intención de desfacerse da nena. Pero o que non nos pode contar en presenza das demais persoas pero si sabemos pola traballadora de base é que está na casa da súa mai coas fillas porque o marido se nega a aceptala de volta na casa. O pecado cometido xa sabemos cal é, está nos seus brazos coa cariña redonda e mirando para o mundo sen entender aínda todo o que a rodea.
Tabú
O feito de que este tema sexa totalmente tabú é facilmente perceptible nas nosas interaccións coas mulleres. As escusas rebuscadas, as explicacións incribles ou as contradicións constantes indican todas no mesmo sentido. Non queren falar da presión. Sobre todo nos casos en que as mulleres acaban de entrar no programa, como Malar, que ten dúas fillas e está embarazada novamente, este tipo de reaccións son habituais.
Aínda que admite que na súa familia non hai presión sobre o sexo da filla ou fillo, está claro que isto non é certo. Tendo en conta que sabe perfectamente que o goberno dá 35.000 rupias (unha cantidade enorme de diñeiro) ás familias que teñan dúas fillas e adopten medidas de planificación familiar permanentes, que a súa situación económica é precaria, as súas escusas para non acollerse á medida son vagas e contraditorias. Non fai falta ser unha xenia nin ler tanto entre liñas para saber de que trata esta historia.
A importancia de argumentar
Cando a Bhanumathi, a asesora de xénero, lle din que prefiren ter un fillo porque se ocupará da familia cando sexa maior ela pregunta á muller en cuestión: daquelas ti, non te ocupas dos teus pais: Ao que ela contesta: Por suposto. E por primeira vez dáse conta do absurdo da súa argumentación. Igual cando unha muller argumenta que o seu home non quere que se faga unha ligadura de trompas porque ten que coller uns días (dous?) de baixa e quen atende a casa/gaña cartos neses días a contestación é simple: daquela cando pares xa inmediatamente te levantas e te pos a traballar? Non.
Co problema engadido de que a ocupación que comeza despois do parto a vas ter de por vida, a recuperación da operación remata ao cabo dun par de días. Vasanthi admite que nunca caera na conta. As cousas máis evidentes feitas invisibles. Por iso argumentar é o máis importante, porque dá a posibilidade de ver as cousas doutro xeito e comezar a entender que unha non é un útero nin unha mula e que coidar a saúde propia é un dereito que ningún marido pode limitar.
Crónicas anteriores: