Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (15)

Acaba de casar e xa lle prohibiron traballar

Saraswati leva catro días durmindo no templo coa súa filla para escapar as malleiras do seu home. A Meenakshi xa lle prohibiron traballar. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 12:00 05/08/2008
Tags:

O traballo que queda por facer
Cando vexo a Saraswati e a Meenakshi entendo que a semente está botada pero que ten que crecer aínda moito máis. Saraswati leva catro días durmindo no templo coa súa filla para escapar as malleiras do seu home. Meenakshi acaba de casar e xa lle prohibiron traballar. Mais agora as demais mulleres cuestionan o que acontece e a asesora de xénero de PDI continúa o seu traballo.

Faridah
A súa enerxía reborda, o seu sorriso, as súas reflexións e a forma que ten de mover todo o que a rodea. Mais hai só uns anos nin sequera ela mesma, a propia Faridah, tería pensado que a súa vida podería cambiar tanto. Vela é sempre unha ledicia, mais a ledicia de Faridah está baseada en moitos esforzos, en moito pensar e en moito facer. Por iso desta vez cando chego está na porta cunha mirada concentrada, agardando a que cheguen o resto das integrantes do consello de suburbio. E está claro daquelas que todo cambio pasa antes pola reflexión.

Parto digno?
Cando chego de volta á oficina o día despois de estar en C-Block e entrevistar a Shamin Bahnu teño clara cal ten que ser unha mobilización próxima. E non vai ser por que o diga eu, vai ser polo que me dixeron Shamin Bahnu e Mumtaj: no hospital público hai que pagar suborno para que a unha a atendan para un parto ou para unha operación de ligadura de trompas, ambas cuestións cubertas pola sanidade pública.

Por se isto non fose abondo irritante, resulta que as nenas están “máis baratas” cós nenos, enténdase que xa abonda desgracia ten a muller de ter parido outra, así que rebaixan nun par de centos de rupias a “tarifa”. Que a práctica sexa normal non quita que sexa indignante. As mulleres falan tamén do mal trato que recibe quen non paga (ou sexa, as mulleres máis pobres) e tamén as que pagan, no que novamente non dista tanto o trato que reciben as mulleres ao parir na India e no meu outro país, onde abondas queixas hai, entre outras a obriga de parir deitada ou programar cesáreas para que a doutora ou doutor poida planificar as súas horas de traballo.

Unha muller soa, está claro, non pode facer nada contra o sistema. Mais as 1.500 dos grupos de aforro de todo o proxecto, haberá que velo. O único que falta é sacar o tema, organizarse. Aquí, alá e en todas partes.



Crónicas anteriores:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: