Os bosques de carballos e de castiñeiros, con grande presenza de arbustos, e a climatoloxía, convérteno nunha zona moi atractiva para a cría desta especie.
Hai 210 explotacións de porco celta en Galiza, mais só unha ecolóxica
Varios expertos, que asistiron a pasada fin de semana a unhas xornadas sobre o porco celta organizada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) en Monforte, salientaron o potencial da comarca do Courel para a produción ecolóxica deste animal.
Carlos Galego, presidente da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) afirmou que a extensión de terreo e a flora propia do Courel, -composta por bosques de carballos e de castiñeiros e con grande presenza de arbustos-, ademais das súas condicións climatolóxicas, fan da comarca unha zona moi atractiva para a cría desta especie.
En municipios coma O Incio e A Pobra do Brollón, engadiu, xa hai un número importante de explotacións non ecolóxicas dedicadas a este animal, e as características do Courel son moi similares, polo que o éxito estaría garantido.
Na actualidade, dos 210 produtores de porco celta que hai en Galiza asociados a Asoporcel, só un, en Valdoviño (Ferrol), usa criterios ecolóxicos, e algunhas explotacións do Incio e da Fonsagrada están en período de reconversión para conseguiren as etiquetas.