Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Día Internacional do Cooperativismo

A CIG aposta pola economía social como alternativa laboral

O sindicato presenta unha web que canalizará a comunicación entre a Administración e os diferentes axentes do tecido produtivo.

Redacción - 11:45 07/07/2007

A CIG presenta este sábado, coincidindo co Día Internacional do Cooperativismo, un proxecto web que servirá de ferramenta para mellorar a capacidade dos traballadores en paro para conseguiren un emprego, e como canle de comunicación entre a Administración e o tecido produtivo.

A iniciativa pretende desenvolver ademais políticas de promoción da actividade económica e de atención aos emprendedores e ás empresas de economía social.

O sindicato partiu da análise da situación do cooperativismo, incidindo en colectivos como o das mulleres, o das persoas demandantes do primeiro emprego, o dos parados de longa duración ou o dos novos. Deste xeito, comezou o proxecto cunha fase formativa da que obtivo os resultados que difundiu nas campañas de información do mes de decembro.

Entrevistas con diversas sociedades

Outra das fases do proxecto consistiu na realización de entrevistas a distintas sociedades cooperativas e sociedades laborais: Non Rubber, sociedade laboral adicada á fabricación de produtos de caucho; Árbore, sociedade cooperativa de consumo consciente de Vigo, ou Cume do Avia, sociedade cooperativa agraria que produce e elabora viño e cría porco celta.

Durante a realización, a CIG contou coa colaboración e asesoría da a sociedade cooperativa de traballo asociado, Cidadanía, de Santiago de Compostela, ademais da súa experiencia en distintos traballos desenvolvidos para a Administración e centros de formación, empresas e entidades de economía social, entre outros.

O Día Internacional do Cooperativismo celebrase este sábado. Foi instituído en 1923, no Congreso da Alianza Cooperativa Internacional (ACI), co obxectivo de conmemorar, no primeiro sábado de xullo de cada ano, este modelo de economía social.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: