A diferenza doutros cursos, potenciarase a interactividade entre alumnos e profesores.
Unha iniciativa posta en marcha por un equipo da Facultade de Ciencias da Educación da USC permitirá aprender a lingua de signos a través da internet para achegala, deste xeito, á sociedade. O sistema, que empregará software libre, terá a videoconferencia e o vídeo dixital como principais ferramentas, debido á importancia que ten o aspecto visual nesta lingua.
Os alumnos dispoñerán de titorías persoais e videoconferencias en grupos pequenos a través dunha plataforma virtual. A principal innovación con respecto a outros cursos é, precisamente, a interacción, segundo os seus responsábeis.
Por outro lado, desenvoveuse un curso multimedia para a aprendizaxe básica da lingua de signos co material que emprega a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza nos seus cursos presenciais. O curso probouse e comparouse cos resultados da formación presencial. Os profesores valoraron positivamente que a aprendizaxe é "máis intuitiva e rápida". Ademais, os alumnos pódense ver no vídeo tantas veces como sexa necesario, a xeito de adestramento. Despois, grávanse cunha webcam e envíanlle o exercicio ao profesor.
O curso tamén incide na expresividade que acompaña os xestos feitos coa man, polo que no vídeo tamén se amosan zonas específicas do corpo, como a expresión dos ollos. Os investigadores lembran que a comunidade xorda ten unha cultura particular, polo que non se traballa só en contidos lingüísticos, senón tamén culturais, para favorecer o desenvolvemento de actitudes para interactuar coa súa cultura.
Agora que o prototipo está testado, o seguinte paso será transferir a tecnoloxía para a súa posta en marcha e a súa utilización por parte da sociedade.