O Congreso de los Diputados aprobou, a iniciativa de Eusko Alkartasuna (EA), unha proposición non de lei para mellorar o estatus das distintas linguas de signos no estado, mesmo cun recoñecemento institucional. Aínda non está desenvolvida a lingua galega de signos, pero tería a porta aberta para a súa oficialización.
A proposición, aprobada na comisión non permanente para as políticas integrais da discapacidade, insta o Goberno a que se regulamenten por lei, antes dun ano, as linguas de signos, logo das axeitadas consultas cos expertos correspondentes, ás asociacións representativas dos colectivos afectados, así como aos representantes das comunidades autónomas.
Igualmente, na iniciativa presentada por Eusko Alkartasuna solicítase tamén a elaboración dun informe verbo das necesidades e consecuencias que tería para as distintas administracións a súa implantación xeneralizada. No estado hai uns 100.000 xordos e xordas que empregan linguas de signos. Están desenvolvidas a lingua española de signos e mais a lingua catalá de signos. Os xordos galegos empregan a lingua española de signos con algunhas variacións, se ben en numerosas ocasións se ten falado, dende distintos colectivos, de traballar a prol dunha codificación.
A iniciativa orixinal de EA falaba dun recoñecemento constitucional das linguas de signos, se ben este aspecto foi emendado no trámite parlamentar.