Redúcese o sobrecusto nos CD, DVD e gravadoras e introdúcese en todo tipo de dispositivos para escoitar música dixital.
O goberno español xa presentou a súa proposta de reforma do canon dixital, a cantidade que os consumidores deberán pagar para compensar as sociedades de autores polo dereito de copia privada. A proposta dos ministerios de Cultura e Industria prevé que a partir de xaneiro se rebaixe o sobreprezo nos CD e DVD e se introduza nos dispositivos reprodutores de MP3.
Así, os CD gravábeis pasarían de ter un canon de 0,17 euros e os DVD, de 0,44. As gravadoras de CD pagarán o,60 euros, como até agora, e as de DVD, 3,40, pouco máis da metade ca anteriormente. Os escáneres seguirán a pagar 9 euros, e, como novidade, os teléfonos móbiles ou PDA que reproduzan MP3 estarán gravados con 1,50 euros, e os reprodutores de MP3 e MP4, 3,15 euros.
A proposta foilles remitida ás entidades de xestión e ás asociacións de fabricantes de equipos, e despois consultarase no Consello de Usuarios e Consumidores. Segundo o executivo español, buscouse o equilibrio entre os intereses de todas as partes, e supón unha redución das tarifas nos equipos de maior uso.